«Tiven alumnos marabillosos»

Anxo González Guerra deixa as aulas do IES Sánchez Cantón tras máis de trinta anos de docencia nos que formou a cerca de catro mil estudantes

.

A de onte foi a derradeira xornada de clase para Anxo González Guerra (Carballedo-Lugo, 1955) no IES Sánchez Cantón de Pontevedra. Un mestre que, sen dúbida, deixa unha fonda pegada na comunidade educativa polo seu saber pero tamén polo seu talante e boa disposición. «Para min é unha sensación nova, é a primeira vez que me pasa na vida. Pero é unha sensación alegre porque foron anos moi bonitos», comenta nun encontro con La Voz que se desenvolveu no despacho do director do centro, Eladio Otero.

Anxo González foi xefe do departamento de Lingua e Literatura Galega e desde que en xaneiro de 1980 recalara no Sánchez Cantón, xa non se moveu deste instituto. «Só para facer o servizo militar en Ceuta», lembra. Case catro mil alumnos pasaron polas súas mans en trinta e catro anos como docente. Exestudantes agora cos que se atopa no seu día a día: «Se vou ao supermercado, se levo o coche ao taller... Hai xuíces, médicos, xornalistas... vexo alumnos por todas partes».

Cando volta a vista atrás, rememora unha frase que lle dixo en 1979 Carballo Calero durante unha visita a Pontevedra. «Esta é unha cidade preciosa para vivir. E xa ves, el non se xubilou aquí, a min déronme a praza e á muller a do Valle Inclán ao ano seguinte e xa quedamos aquí», expón. Anxo González pertence á primeira promoción de profesores de galego, a de 1980, que houbo na comunidade. «Hai que ter vocación, pero esta é unha profesión moi bonita porque cambias de alumnado todos os anos e eu tiven a sorte de ter xente marabillosa». Nunca expulsou de clase a un alumno, nin o mandou ao director. «Non me fixo falta, co diálogo bastou».

Estudou no seminario de Lugo e lembra que de neno, con doce ou trece anos, lle poñían faltas de orde por falar galego. ¿E como ve hoxe a situación do idioma? Este amante das novas tecnoloxías non se atreve a facer un diagnóstico futuro. Si fala da realidade actual. «Estanse perdendo falantes que teñen como primeira lingua o galego, pero hai moita máis xente bilingüe. Penso que hai menos prexuízos na xente moza e moito uso do galego gracias ás TICs».

O futuro, di, «vai depender de nós». Máis partidario de animar a falar galego que de impoñelo, este mestre subliña que a lingua non é patrimonio de ningún partido. «Cando eu estudaba xa se dicía que o galego ía desaparecer e podo contar unha anécdota recente. O outro día ía poñer unha película en clase, Arrugas, e non funcionaba a versión en galego. Pois os alumnos non quixeron vela en castelán».

Este docente non está de acordo en que os rapaces sexan menos estudosos ou saiban menos que os de antes. «Son distintos aos de hai trinta e cinco anos. Tal vez nalgunhas cousas como pode ser en gramática ou xeografía memorística controlen menos, pero teñen unha cultura audiovisual e musical que non tiñamos nós». Nesta nova etapa vital que empeza dedicará tempo á web ogalego.eu que creou coa súa muller, Victoria Ogando, e que é moi consultada na Rede.

Votación
6 votos

«Tiven alumnos marabillosos»