Carballo volverá a estar representado no Club de Debate escolar

carballo / la voz < / span>

PONTEVEDRA CIUDAD

21 ene 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano máis, escolares do municipio de Carballo poñerán a proba a súa capacidade dialéctica competindo con rapaces do resto de Galicia no Club de Debate que promoven os servizos de normalización lingüística de varios concellos e que nesta ocasión se desenvolverá baixo o lema Tes razón, pero eu tampouco estou equivocad@.

A capital bergantiñá será, ademais, o escenario onde hoxe se procederá a firma do protocolo de colaboración para o desenvolvemento da actividade.

No acto, que terá lugar no salón de plenos municipal ás 12 horas, participarán o alcalde carballés, Evencio Ferrero; o concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira; o rexedor de Negreira, Juan José Rey; Manuel dos Santos, tenente de alcalde de Rois; o edil de normalización de Pontevedra, Demetrio Gómez, e varios técnicos dos outros municipios con equipos inscritos no certame: Ames, O Carballiño, Santiago e Teo.

Nesta cuarta edición do certame tomarán parte un total de 23 grupos de escolares -o ano pasado foran 21 e un total de 180 alumnos-, pertencentes a centros educativos de oito municipios diferentes.

Oratoria, galego e pensamento

O Club de Debate ten como obxectivo incentivar e valorar a expresión oral en público dos estudantes (está dirixido a alumnos de terceiro e cuarto da ESO e de primeiro de Bacharelato), o uso do idioma galego e o pensamento crítico.

Na pasada edición deste certame, os representantes do instituto carballés Isidro Parga Pondal chegaron á fase final -tras superar a escolares de catro municipios nas probas zonais previa- e acadaron unha meritoria quinto praza.