Rememorando memorias

pepe carballude

PONTEVEDRA CIUDAD

Pepe Carballude, na librería Brañas.
Pepe Carballude, na librería Brañas. José Manuel Casal

«Bergantiños e toda a Costa da Morte é a casa de varias das miñas novelas»

09 ene 2021 . Actualizado a las 21:53 h.

Nunha ocasión díxome Torrente Ballester que as novelas, por ben fantásticas que sexan, teñen unha base real porque, segundo el, o escritor non pode fabular en abstracto. Á hora de inventar un personaxe, unha escena, un feito... o narrador parte de algo coñecido, familiar, íntimo, e despois vaino disfrazando deica volvelo irrecoñecible ou coñecible só para os máis íntimos. Por iso García Márquez consideraba que súa nai era a mellor lectora dos seus libros. Ela sempre descubría o personaxe real que se acochaba detrás do inventado. Operaba coma unha hábil arqueóloga á hora de reconstruír un animal prehistórico a partir dunha mínima vértebra.

Cando se quere ambientar unha historia, ubicar un relato ou situar unha ficción ocorre algo semellante ó que acabo de dicir sobre a construción dos personaxes. O escritor adoita escoller sitios coñecidos, entrañables, impactantes, íntimos, que converte en morada ficticia, territorio amado da súa creación. Nese senso teño que confesar que a comarca de Bergantiños e, por extensión, toda a Costa da Morte é a casa de varias das miñas novelas. Seguramente se debe a que foi en Carballo onde comecei a escribir. Fora destinado ó instituto Alfredo Brañas como profesor e, á hora de atopar unha afección coa que encher o oco baleiro das oposicións, chegou ás miñas mans a convocatoria dun concurso literario. Era un reto e tamén unha ilusión. Adiante. Apresuradamente argallei un conto e presenteime. Desde aquela quedei atado de por vida á apaixonante actividade de escribidor. Traballo como profesor, pero gozo moito máis escribindo. E iso descubrino en Carballo. Carballo foi o meu berce creador, o lugar do primeiro libro publicado, onde naceu tamén a primeira filla, onde vivín o primeiro éxito, onde saín no xornal por primeira vez. Despois viñeron as presentacións de libros, as tertulias literarias, os novos amigos que aínda perduran... Non é de estrañar, polo tanto, que varias das miñas novelas transcorran en terras bergantiñás. Cae de seu. Alí estaba. Ese era o territorio agarimoso no que ían vivir os meus personaxes.

En Carballo escribín algúns dos libros máis coñecidos. Nun piso de capital bergantiñá argallei Investigación 091, unha novela sobre o contrabando de tabaco e de droga nas rías baixas. Tiña o libro rematado, pero non daba a topado o título. Lembro que o atopei unha tarde, na praia de Barizo. Foi coma un descubrimento.

Vivindo en Carballo e viaxando pola Costa da Morte non podía faltar unha novela de temática mariñeira, mesmo de traxedia. A ocasión deuma o embarrancamento do cargueiro panameño Casón, na praia do Rostro, preto de Corcubión. Morrera toda a tripulación, incluído o capitán. O barco levaba bidóns tóxicos que estouraban e botaban fume. Ninguén sabía nada. As autoridades culpábanse entre si. Actuaba o medo, non a razón. Os veciños deixaban as casas, despedíanse coma se non se fosen ver nunca máis. Desaloxáronse varias poboacións da Costa da Morte. Eu mesmo fun testemuña de moitos autobuses ateigados de xente, buscando acubillo en albergues e centros deportivos. Aquilo merecía unha novela. Con todos estes ingredientes e tamén cunha historia de amor adolescente polo medio naceu S.O.S.

Ambientada en Bergantiños tamén está O talismán dos druídas, unha novela de corte épico. Desta volta escollín o monte Neme, preto de Buño. Desde o día que visitei os restos das históricas minas de volframio sabía que aquel era un lugar de ficción, axeitado para unha novela. E foino. Lembro nitidamente a cor verde-azulada das augas estancadas, os carreiros ermos, os corvos, a soidade ominosa... Non tiña máis que construír a historia. A paisaxe estaba alí desde sempre. E saíu un libro do que estou moi contento, unha homenaxe ás sagas artúricas, con pegadas de Tolkien, Cunqueiro, Ferrín e outros.

Abondan estes exemplos para demostrar que as terras bergantiñás e en xeral toda a Costa da Morte aparece nalgúns dos meus libros coma o decorado dunha peza dramática ou o entorno que envolve unha obra de arte.

«Traballo como profesor, pero gozo moito máis escribindo. E iso descubrino en Carballo»

«Carballo foi o meu berce creador, o lugar do primeiro libro publicado»

Pepe Carballude, nacido na Estrada (Pontevedra) en 1956, é profesor e escritor. Aquí na comarca, exerceu a docencia no instituto Alfredo Brañas de Carballo. Ten dando vida a unha vintena de obras de literatura infantil-xuvenil, ademais de ter participado en creacións colectivas.