Filgueira O Grande: Galicia inmensa

Xesús Ferro Ruibal DE COTÍO

PONTEVEDRA CIUDAD

08 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A natureza deulle a Filgueira saúde, memoria e sensibilidade en grao superlativo. E el correspondeulle con lectura, traballo e dinamización cultural. Os noventa anos de Filgueira enchen case todo o século XX porque estivo en boa parte das iniciativas e acontecementos culturais de entre 1906 e 1996.

Tres carreiras. Membro de catro Academias. O seu currriculum ten 4.533 entradas, segundo o reconto de M. J. Fortes, Filgueira sae a 3 libros, 13 artigos e 21 conferencias por ano. É dicir, nulla dies sine linea. É certo que tratou algúns asuntos varias veces, pero só o número de persoas citadas nos títulos ascende a 789, o que dá idea da extensión do seu repertorio: as máis estudadas foron, por esta orde, Castelao, Sarmiento, Rosalía, Afonso X, Otero Pedrayo, Sánchez Cantón, Valle Inclán, Camoens, Cunqueiro, Bouza Brey, Xelmírez, Losada Diéguez, Antonio Fraguas, Alfredo García Alén, Risco, Méndez Núñez, Lago González, Manuel Quiroga Losada e Tomás Luís de Victoria. Os temas máis estudados foron, tamén por esta orde, Pontevedra, Compostela, Galicia e a súa cultura, Música, Pintura e Arte en xeral; a unha certa distancia seguen o Nadal, a Lírica medieval, a Arqueoloxía e a Antropoloxía. Isto é Filgueira. Actividade portentosa que o converte nun dos escritores importantes da Galicia do século XX.

Moito do que sabemos de Galicia sabémolo por Filgueira.

Quen lea cada día cinco títulos de Filgueira (artigos ou libros), ó cabo dun ano aínda non poderá dicir que xa leu a Filgueira enteiro. Tódalas culturas producen un escritor enciclopédico: o noso é Filgueira.

Polígrafo, coma Varrón, Isidoro de Sevilla ou Leonardo da Vinci, foi, paradoxalmente, un polígrafo monotemático, porque pouco escribiu que non tivese que ver con Galicia. As obras completas del ben podían titularse Galicia e os galegos. Pero dentro diso tocou tantos asuntos que aínda hoxe é difícil entrar nun tema calquera e non acabar dicindo: «Por aquí xa pasou Filgueira con información de primeira man». Pero hai máis: Filgueira desvelou para qué gastou tanta tinta: «Para aumenta-la nosa ciencia e conciencia de Galicia». Un día confesoume que lle gustaría cambia-lo verso do «rudo encono» do noso himno por «non deas a esquecemento canto tés de valía». «Porque -engadiu- nesa ciencia e conciencia de Galicia é onde xogámo-lo noso futuro cultural, político e económico».

Xesús Ferro Ruibal é membro da Real Academia Galega.