Un exemplo para quen?

Marcos Maceira

PONTEVEDRA CIUDAD

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

O 28 de abri1 de 1963, tomando como referencia a data da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega establece o Día das Letras Galegas para homenaxear «unha figura autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural que mereza proporse como exemplo á sociedade galega». Obra e exemplo para as persoas que amamos a nosa lingua.

Nomeado pola RAG José Filgueira Valverde como figura para o 2015, andan algunhas voces a insistiren na enorme categoría e extraordinaria importancia da súa obra, ocultando que é inversamente proporcional á exemplaridade cívica e democrática en grande parte da súa vida.

Porque a persoa de Filgueira Valverde non se pode agochar detrás da súa obra. A exemplaridade homenaxeada no Día das Letras susténtase no seu compromiso coa lingua e co país máis alá do seu posicionamento ideolóxico. O mesmo que fixo del un home forte do franquismo en Galiza, é o que o inhabilita para ser homenaxeado o Día das Letras Galegas.

A RAG non pode pretender que esquezamos que Filgueira foi un alto cargo político da ditadura franquista. Non unha persoa con necesidade de adaptarse por pura supervivencia, ou que se identificase con algúns aspectos do réxime, nin un simples colaboracionista. Un dirixente do réxime que o asume no seu conxunto e como tal accede voluntariamente non só a ser membro de tribunais de depuración política ou alcalde de Pontevedra, senón tamén procurador en Cortes.

O franquismo reprimiu, asasinou e exiliou milleiros de persoas facendo bandeira da persecución a todo o discrepante, e á lingua galega en particular. Por moito que Filgueira puidese escoller libremente, a diferenza dos máis, se erguer ou non o brazo; por moito que a súa obra sexa de altísima relevancia, non podemos converter ningún dirixente da ditadura nun exemplo a seguir. E iso non vai mudar por citar obras coas que agochar a realidade e cultivar vellos prexuízos sobre entidades como A Mesa pola Normalización Lingüística.

Vivimos en pleno quinquenio negro para a lingua galega. Os ataques que sufriu no franquismo rexorden no decretazo contra o galego no ensino de Feijoo, na deturpación da toponimia, ou na negativa a atender chamadas en galego por parte de servizos públicos ou privados. Só quen ve normais estes ataques, quen ve aceptábel o franquismo, pode partillar unha proposta que, como xa se demostrou, divide ásociedade galega. E o que precisamos con urxencia é unidade na defensa do noso idioma.

Contamos cunha ampla e rica literatura, con autoras e autores que, malia as dificultades impostas e nas peores circunstancias imaxinábeis, mantiveron acesa a luz da esperanza. Son exemplo para todas e todos. Aí están as candidaturas que unen Galiza arredor da súa lingua. As que debería valorar a RAG.

Marcos Maceira é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística