Aínda que a votación foi disputada, os académicos consultados pola Voz din que non houbo ningún debate e que non recibiron ningunha presión
12 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.A elección de Xosé Filgueira Valverde como o escritor ao que o próximo ano dedicáraselle o Día das Letras Galegas xerou máis polémica fóra que dentro da Real Academia Galega. É certo que a votación foi moi rifada, xa que o pontevedrés só se impuxo na votación final a Celestino Fernández de la Vega por un único voto de diferenza, e tamén que varios académicos consideraron que a candidatura non era nestes intres a máis adecuada, pero tamén o é que a inmensa maioría aceptou o nomeamento sen maior discusión, ao menos durante o plenario, e que todos, tamén os que non lle votaron, recoñecen que Filgueira é merecedor da distinción pola súa vasta obra e pola defensa da cultura e da lingua galega, que é realmente o que se ten en conta, ao marxe do seu pasado como alcalde franquista de Pontevedra e persoa afín ao réxime.
Así ao menos o aseguran varios académicos consultados por La Voz, que negan que foran presionados na súa votación e que explican que Filgueira xa foi un firme candidato nos últimos cinco anos, e que nun deles perdeu tan so por un voto.
«A elección pode gustar ou non, pero a elección foi totalmente democrática e sen polémica ningunha. Si participamos nunha votación temos que asumilo resultado sempre que se faga limpamente, como foi o caso», explica Euloxio Rodríguez Ruibal, que defendeu a candidatura de Ricardo Carballo Calero, do que di que «xa é de xustiza que o nomeen algunha vez». «Deixemos a política a un lado, porque cando se mete nas cousas estrágase todo. Somos os académicos os que temos que elixir e se nos ten que deixar en paz», corrobora Xosé Fernández Ferreiro, que promoveu a candidatura de Xela Arias Castaño. «Para merecer o nomeamento -engade- non so hai que ser un gran escritor, senón tamén un gran galego, e é indubidable que Filgueira Valverde o era».
Francisco Díaz-Fierros, que leu ante o plenario da academia a defensa de Filgueira, tampouco entende a polémica. «Desta -di- nin sequera houbo debate sobre os candidatos, como ten pasado outras veces. Fixeronse as presentacións e logo votouse sen máis. Non esperábamos que a nosa decisión xerara esta polémica».