«O máis saboroso do salón é que haxa moitos nenos»

maría conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

A autora cre que o evento «é unha das actividades culturais de Pontevedra que máis eco teñen na sociedade»

06 abr 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Fina Casalderrey encántalle o espazo que este ano dedicou o Salón a todos os autores homenaxeados nas súas quince edicións. E faille graza a caricatura dela que fixo Kiko da Silva. «Un mesmo non se recoñece nas caricaturas, pero gustaríame tela, con iso xa digo todo», sinala. A autora fai balance do Salón.

-¿Que lle pareceu esa homenaxe conxunto a todos os autores?

-É bonito. E ademais os autores de literatura infantil e xuvenil, polo menos os do meu tempo, levámonos ben, lemos a obra dos compañeiros, somos capaces de falar ben deles. Niso síntome moi privilexiada.

-O Salón do Libro cumpriu 15 anos. ¿Como o ve?

-Paréceme que a xente que o leva fai ata unha sorte de milagres tal e como está todo de difícil. O Salón é unha das actividades culturais de Pontevedra que mais eco teñen na sociedade. Vin en directo a tantos pais e nais cos nenos visitando o salón, participando nas actividades tan atractivas e de tanto traballo... E está a implicación do profesorado, porque cando chegas, sempre che sorprenden eses traballos feitos polo alumnado e dirixidos polos mestres. Para a cidade é un acto cultural importante que axuda a romper o tópico de que Pontevedra dorme. O Salón é un escaparate para darnos a coñecer os autores, os ilustradores... E á literatura infantil, dálle prestixio e visibilidade

-¿Ata onde pode crecer?

-Vai medrar ata onde queiramos os pontevedreses. Cousas como eses ríos de xente que van dun lado ao outro da ponte son contaxiosas. E logo as actividades... Hainas ata para bebés, para que vaian degustando a forza da palabra, das imaxes fermosas, a forza da cor e do movemento.

-¿Que foi o mais saboroso?

-Para min, que sempre chamándose Salón do Libro Infantil e Xuvenil, haxa moitos nenos alí. Creo que este ano máis que nunca. É un dos poucos salóns de todos os que teño visto onde os protagonistas son os rapaces.

-Neste Salón da cociña comparou a literatura infantil e xuvenil cunha empanada...

-Era como unha metáfora. Se unha empanada se pode facer de todo, todos os temas poden ser tratados na LIX. Os malos tratos, a morte, o paro. Sen traumatizar aos nenos, pero eles son mais novos, non menos intelixentes.

fina casalderrey escritora e académica da rag