Pontevedra: Culturgal despídese superando os 14.000 visitantes
Cunha última xornada de frenética actividade, a Feira das Industrias Culturais pechou onte as súas portas en Pontevedra superando, segundo a organización, os 14.000 visitantes. A Asociación Culturgal destacou que o público respondeu á chamada da corresponsabilidade, non só asistindo aos eventos programados, senón tamén mercando nos stands e contribuíndo a través da entrada solidaria que se estableceu en 3 euros. Así, os organizadores destacan que un 20 % das persoas que se deron cita no recinto feiral este fin de semana abonaron esta entrada a cambio da chapa de micropatrocinador. «Nos dá azos e un novo escenario optimista para o Culturgal do futuro, no que o público xogará un papel máis activo e no que asumirá unha maior responsabilidade», engadiron. «Culturgal -dixo Xulio Amigo, presidente da asociación- volveu ser referencia para milleiros de persoas», converténdose de novo en punto de encontro.
Nada menos que corenta foron as actividades que deparou esta última xornada. E unha das primeiras foi o concerto para bicicletas organizado polo Taller Atlántico Contemporáneo, que pretendía reunir a 111 ciclistas para interpretar coas súas voces e os timbres dos seus vehículos a peza Eine brise (Unha brisa), do compositor arxentino Mauricio Kagel. Non se acadou esa cifra, pero os cerca de 40 ciclistas que quixeron sumarse á orixinal proposta mostráronse entusiastas no percorrido. «Foi unha brisa máis rápida», indicou Diego García, do Taller Atlántico Contemporáneo, que destacou que a actividade «funcionou moi ben».