Pontevedra: O club de lectura LeCRAS, de Dodro, invitado a participar na feira das industrias culturais
LeCRAS, o club de lectura do Centro Rural Agrupado de Dodro, está invitado a participar esta fin de semana na Feira das Industrias Culturais Galegas, Culturgal, que se celebra en Pontevedra. Dentro da súa programación, mañá, a partir das doce, celébrase o encontro Xestionar a lectura, no que participarán responsables da xestión de clubs de lectura de distintos perfís, entre eles o de Dodro.
No Culturgal danse cita todos os axentes da cultura galega, representados nos distintos espazos nos que se distribúe a feira e que abrangue o mundo do audiovisual, da música, do libro e da tecnoloxía. Neste contexto, para o club de lectura de Dodro resulta de «especial importancia» a invitación recibida para participar neste evento.
LeCRAS iniciou a súa andaina hai dous anos co obxectivo inicial de «fortalecer o CRA de Dodro e a pervivencia e valor das súas escolas unitarias», pero foi evolucionando como un punto de encontro entre as familias, tendo como fío condutor das súas actividades a literatura infantil.
Na actualidade participan no club máis de 30 familias e contou, en ocasións, coa colaboración de escritores da contorna como Anxo Angueira, Iolanda Eiras e Manuel Lorenzo, así como coa participación doutras entidades e persoas vinculadas ao mundo da cultura.
Inicialmente, o club traballaba con nenos e nenas de tres a sete anos, pero ampliou a súa franxa de idade cunha actividade dirixida a fortalecer a lectura comprensiva nos maiores de sete anos. Tamén realiza sesións específicas para bebés e ten unha forte vinculación co grupo CRAlcetando, que agrupa a adultos, con franxas de idade dispares, ao redor de lecturas e fíos.