A brasa que non esmorece

Ramón Nicolás

PONTEVEDRA CIUDAD

09 oct 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pobres de nós se non soñamos», pronunciou Álvarez Torneiro na presentación de Os ángulos da brasa na cidade de Pontevedra hai uns meses. En efecto, teño para min que non lle falta razón ao poeta, e que mesmo estas palabras definen unha actitude que el defende diante da vida e que postula diante da literatura, pois os poemas deste libro, novamente galardoado, permiten que soñemos. Iso deberon advertir, talvez, algunhas das persoas que onte o xulgaron como merecedor do Premio Nacional de Poesía: un galardón do que dou fe que non é nada doado obter. A decisión honra ao xurado e ábrelle ao autor, ábrelle á súa obra, ábrelle mesmo á poesía en lingua galega algunhas portas para que este patrimonio cultural que é a lírica de noso sexa aínda máis coñecido e valorado, tamén entre nós.

A brasa que envolve este libro, ao que se ve, non esmorece e aínda está viva. Isto só o sabería facer alguén como Torneiro, poeta modesto, que gusta da discreción e sempre alleo ás barafundas literarias, que provocou, talvez sen decatarse, que prendamos nas follas deste libro, na súa obra toda, e que reparemos no diálogo rico e vizoso que establece coa literatura, coa pintura, coa música e coas demais artes, abrázaas mainamente e fala con elas. Para facelo acode á memoria, a ese fondal onde tamén está a dor, a morte e o amor; e é quen de articulalo, na súa integridade, cun exquisito coidado formal, escorrentando o accesorio e posibilitando que constatemos, unha vez máis, que o tempo pasa, para o poeta e para quen o lemos pois con el aprendemos que resulta reconfortante deterse un pouco e procurar a beleza das pequenas cousas pois sempre a conservan.

Un poema deste libro di «Que vello está este día / que nada trouxo». Porén, o día de onte trouxo moitas alegrías: a primeira para o poeta, mais tamén para Luís Rei, responsable da colección Tambo na que se editou o poemario ao abeiro das coidadosas mans da editorial Kalandraka a través de Faktoría K. Sen dúbida, alegrías tamén para os que os gustamos da poesía e da voz de Torneiro en particular.