Culturgal reorganizará os espazos e introducirá o pago voluntario

Camilo franco REDACCIÓN / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

A nova disposición do Culturgal pretende evitar os excesos de ruídos dentro da feira.
A nova disposición do Culturgal pretende evitar os excesos de ruídos dentro da feira. Mónica ferreirós< / span>

A feira das industrias culturais sufrirá un recurte do 55 % do orzamento

09 sep 2013 . Actualizado a las 07:01 h.

As dúas novidades máis importantes da vindeira edición de Culturgal, que se celebrará entre o último día de novembro e os primeiros de decembro no Pazo de Pontevedra, será unha disposición diferente dos espazos para as actividades e a introdución dun pago de entradas voluntario que, segundo o director da feira, suporá que o público asuma tamén a súa responsabilidade.

Xosé Aldea, director de Culturgal, explica que tendo en conta a situación económica e o recurte do 55 % do orzamento con respecto ao ano pasado «houbo que tomar algunhas decisións e corresponsabilizar a todas as partes implicadas». Neste sentido, explicou o director que tanto «os provedores como os participantes asumiron que hai que facer a feira con menos cartos e aceptan traballar por menos». Entende Aldea que este é un xeito de responsabilizarse do mantemento da feira, pero cre que o público «debe ter tamén a súa corresponsabilidade e ter a posibilidade de contribuír ao sostemento directo».

A intención é establecer un tipo de entrada de pago de carácter voluntario cun prezo por decidir. A cada persoa que pague esa entrada voluntaria daráselle un distintivo que a acreditará como colaborador do Culturgal. O director da feira considera que non se pode cobrar pola entrada, pero que esta medida pode «contribuír a que os asistentes asuman a corresponsabilidade que o público ten que ter cando falamos de eventos culturais».

Coa redución do 55 % o presuposto da feira quedará limitado a 120.000 euros, unha cantidade que, segundo Aldea, «marca uns límites moi estreitos e que só permiten asumir a feira cun esforzo conxunto».

Ademais da rebaixa a participantes e provedores e desa participación voluntaria dos asistentes, o Culturgal tomará outra medidas para ampliar os seus xeitos de financiación. O director sinala que algunhas actividades, maioritariamente musicais, serán de pago para o público.

Aínda que non está decidido cales serán, Xosé Aldea apunta que o concerto que terá lugar o último día na feira, no auditorio do pazo, será de pago co obxectivo de que esa actividade se autofinancie.