«Con 17 anos desfilei e tiña certa graza, pero era baixiña»

Elena Larriba García
Elena larriba PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

MONICA IRAGO

04 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aínda que naceu en Ferrol (1970), Lola Dopico é a maior fan de Pontevedra. «Despois do alcalde», matiza ela. Estudou Belas Artes en Salamanca e acabou de profesora e vicedecana da Facultade de Pontevedra ata que lle ofreceron a dirección da Escola de Deseño e Moda. Durante cinco anos compatibilizou o traballo académico co cargo de concelleira de Cultura e de Igualdade no goberno de Fernández Lores, que a fixo máis mediática. Pero sobre todo é a imaxe de Esdemga.

-¿Que fai traballando xa metidos en agosto?

-Hai que deixar todo preparado para ter o curso funcionando en setembro. Esta semana aínda estiven pechando cousas e estou a puntiño de coller vacacións.

-Vostede é moi viaxeira , ¿onde pensa ir?

-Este ano téñoo máis complicado. Por un tema familiar non me podo mover moito. Temos que ir cerquiña. Pero sigo sendo unha apaixonada das viaxes, cando podo facelos.

-¿É tan moderna como pensa a xente?

-Ese é un concepto que todo o mundo me aplica con soltura. Non teño a máis remota idea do que significa. Non sei o que teño de moderna para os demais. Para min é vivir co teu tempo. Pero non creo que o sexa máis que outras persoas.

-¿A imaxe é importante?

-É o que primeiro comunicas. Todos, cando nos poñemos algo enriba, queremos dar unha imaxe determinada. As veces queres agocharte e as veces mostrarte, pero sempre comunicas algo. Todos preocupámonos dun modo ou doutro pola imaxe. Outra cousa é vivir atrapada nos canons absolutos do que nese momento está de moda.

-¿A moda é máis que chapa e pintura?

-É unha linguaxe social, unha ferramenta de lectura das distintas épocas da historia. A min interésame dende a perspectiva sociolóxica, antropolóxica... Interésame dende o ámbito da experimentación, da creación e do que a min me move, que é a cultura, a arte e as formas de expresión contemporáneas.

-¿Como lle gusta vestir en verán?

-Fundamentalmente, cómoda. Como vou agora, cun pantalón folgado, unha sudadeira... E sempre tes un vestido fresquiño que te podas poñer para ir máis mona.

-¿Ao tacón sóbese pouco?

-Non te creas. Pero son máis de cuña. Ter un par de alpargatas de Castañer paréceme imprescindible porque te poden solucionar un montón de cousas.

-¿Tarda en escoller polas mañás o que se pon?

-Hai días que estás máis confusa, pero non tardo moito, vístome rápido.

-¿Como leva o de facer dieta?

-Unha semana si e outra non, como a maioría da xente.

-A súa palidez é para moitos un dos seus encantos e por enriba está de moda.

-Estou farta da palidez. A miña nai di que de pequena era máis morena. Pois que lle vou facer, fóiseme. O problema é que co sol énchome de manchas e teño que ir a todos lados con pantalla total.

-¿Fai algunha vez de personal shopping para as amigas?

-Levo media vida facendo iso. Son a típica á que chaman e lle din: ?Mira, tiña que ir de compras, ¿tes un momentiño??.

- ¿Se fosemos agora de compras, onde iriamos mercar algo especial?

-Hai sitios moi chulos e moi interesantes para mercar en Pontevedra. Hai unha tendiña que se chama Carballo e Estrela, baixando á praza da Verdura, que ten as camisetas de Konichiwa que crearon Estefanía, una exalumna de Esdemga, e Eduardo. Se tivera que mercar un regalo para un mozo ou unha moza iría alí.

-¿O seu deseñador favorito?

-En termos globais co que me identifico e con D-Due. José Castro, Bolaño, Sara Coleman tamén fan cousas incribles. Gústame mirar para o que está xurdindo, a xente nova sempre te sorprende. Pero tamén sinto admiración polos consagrados que fan pezas marabillosas.

-¿Subiu algunha vez á pasarela?

-Cando vivía en Ferrol, con 17 anos, desfilei. Tiña certa graza, pero era baixiña. Levaba o pelo rapado e platino. Tiña un aspecto bastante trending naquel momento.

-¿Que é o mellor que lle pasou na vida?

-Iso é fácil. Os meus fillos, Tsegaye e Dinke, e a miña parella.

-¿E certo que non podería vivir nun piso?

-Podo e de feito vivín nalgún moi pequeno, pero gústame ter un pouco de terra, como teño en Marcón. Aínda que Pontevedra é envexable para vivir no centro e moverte en bicicleta.

-¿Segue campando por alí Benito Soto?

-Ese can morreu hai un ano, xa era un bucaneiro vello, e foi un desgusto grande para os nenos. Pero está Chicle e o último chámase Catro, ou sexa, que hai outros diante.

-¿Un vicio confesable e un defecto?

-Viaxar, tomar un viñiño ao atardecer na casa, escribir, ler... Son unha lectora compulsiva. E o meu maior defecto é que son unha persoa pouco deportista.

lola dopico directora da escola de deseño téxtil e moda (ESDEMGA)

cuatro sorbos de...

TIEMPO DE VERANO