«Se lle pos prezo ás horas de traballo non vendes un só cesto»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Do seu pai recolleu as ensinanzas de cesteira e da súa nai, as de sombreireira

28 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

carmen recimil caramés cesteira e sombreireira de silleda

«As viseiras gustan moito pero os clientes decántanse polos sombreiros á hora de mercar»

Dende ben cativa Carmen Recimil Caramés (Escuadro-Silleda,1953) tivo contacto directo coa elaboración de cestos e sombreiros. A profesión viñalle de familia.

-Non che era coma agora. Non había xoguetes e estrebillabas co que tiñas ao teu alcance. No meu caso na miña casa, miña nai facía sombreiros e meu pai confecionaba cestos polo que sendo eu pequena xa facía algunha cousiña. Non había diversión coma agora e en algo había que pasar o tempo.

-¿E sempre se adicou a facer sombreiros e cestos?

-Para a casa sempre os fixen pero non para vender. Todo o que facía era para o noso uso: cestos, cestas e sombreiros. Para vender comecei a facelos haberá vinte anos aproximadamente.

-¿Onde pón á venda todos os seus traballos?

-Nas feiras. Sempre vou ás feiras de Lalín e de A Estrada a vender e tamén a todos aqueles puntos onde requiran da miña presenza. Recentemente estiven en Cabeza de Manzaneda e tamén en Pontevedra. Teño pensado estar tamén na Feira dos Carballiños, en Vilatuxe, alá para o mes de maio xa que é unha cita á que fun os anos anteriores. Estou aberta a todas as opcións que se me presenten para expoñer e vender o que fago.

-Elaboracións totalmente artesanais, ¿son moi caras?

-Sinceramente che podo decir que se lle pos prezo ás horas de traballo que botas non vendes un só cesto.

-E, ¿de cantas horas falamos á hora de facer un cesto por exemplo?

-Non che podería decir xa que non o fago de seguido. Entre facer un sombreiro, unha cesta ou un cesto no medio hai horas adicadas a outras cousas como son as tarefas cotiás da casa... Nunca se me deu por contabilizar con exactitude as horas que emprego na realización dun determinado obxecto. E é que o proceso é moi longo xa que arranca coa sementeira do centeo. Logo hai que recollelo, hai que facer a palla, cortala palla de nó a nó, mollala, tecela e despois é cando se vai unindo. Como che decía antes se unha persoa comezase a poñerlle horas a todo este proceso que che acabo de subliñar ninguén vendería nin siquera un cesto pequerrecho. Logo dependemos tamén do tempo, que veña un bo ano para o centeo e que a colleita sexa boa para ter materia prima en abundancia e que alcance para facer a producción de todo o ano.

-¿Os sombreiros son feitos a medida?

-Despois de tantos anos facendo sombreiros non fan falla medidas. No posto que teño nas feiras sempre hai sombreiros de diferentes medidas e, a persoa que ven a mercar proba o que lle sente ben. Se ven alguén para que llelo faga a medida tamén se lle fai; pero normalmente cos que teño no posto abondan para atopar un axeitado ás medidas da cabeza do cliente.

-Non só sombreiros tamén é unha especialista facendo as viseiras...

-A verdade é que alí onde vou sempre chaman moito a atención pero á hora de mercar os clientes decántanse máis polos sombreiros. A viseira gusta moito pero semella que o sombreiro é máis práctico.

-¿Cal é o perfil do seu cliente habitual?

-Non podo falarche dun perfil tipo. Á hora de mercar veñen homes, mulleres, mozos... Ao mellor a xente que ten un pouco máis de idade é a que ven na procura dun bo sombreiro pero tamén me atopa con xente nova que quere un. E cos cestos e coas cestas pasa exactamente o mesmo. Os meus clientes son moi variados.