Manuel Rivas: «Unha candidatura de consenso á Real Academia sería exemplar»

María Conde PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

03 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

O escritor e académico Manuel Rivas defendeu onte a necesidade de unir nunha candidatura de consenso as listas lideradas por Xesús Alonso Montero e Manuel González para dirixir a Real Academia Galega. «Coido que sería exemplar para a Academia -sinalou- e un bo referente para a sociedade».

Rivas recorreu á figura das «persoas de acordo» que había no Couto Mixto, «unha referencia histórica que seguramente coñecen todos os académicos», para destacar que en cada unha das parroquias que a formaban, estas persoas tiñan a obriga de «non erguerse ata chegar a un acordo».

«Penso que iso é doado, se somos ademais unha pequena parroquia, non chegamos a trinta», matizou.

En contraposición, e sen falar xa da Academia, aludiu a outra figura, esta vez portuguesa, á dos xenerais ao carneiro, «persoas pouco propensas ao acordo» para concluír: «Necesitamos máis persoas de acordo e menos xenerais ao carneiro».

Rivas engadiu que tempo hai por diante para o consenso na RAG «se teñen esa vontade»: «Eu creo que as dúas candidaturas están por iso, entón ¿cal é o problema? Sentarse, claro».

O escritor realizou estas declaracións antes de intervir na Semana Galega de Filosofía que se celebra en Pontevedra, adicada á memoria. Baixo o título O andar do vagabundo reflexionou sobre como a memoria «é o humus fundamental da literatura».

«Necesitamos máis persoas de acordo e menos xenerais ao carneiro»

Manuel Rivas