Santiago Lopo gaña con «Hora zulú» o premio García BarrosGalardón

Montse García Iglesias
Montse García A ESTRADA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

O xurado e o alcalde, que abriu a plica e deu a nova ao gañador.
O xurado e o alcalde, que abriu a plica e deu a nova ao gañador. M. M.< / span>

O xurado destaca a variedade de rexistros da obra do escritor vigués

20 jul 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

A novela Hora zulú de Santiago Lopo (Vigo, 1974) foi a gañadora da 24ª edición do premio de novela Manuel García Barros organizado polo Concello de A Estrada. O xurado destacou que «é unha novela que desde a variedade de rexistros literarios de calidade (cartas, poesía, informes...) apreixa o lector para contar unha historia de actualidade científica que cuestiona as fronteiras espazotemporais e reivindica os valores ecoloxistas». Ademais, tamén valoraron a concepción do psiquiátrico como unha metáfora da sociedade actual que lle serve ao autor para elaborar con destreza a biografía dun científico comprometido co seu tempo e o activismo social.

O xurado estivo formado por Inma Otero, Carlos González de Lema, Xosé Manuel Eyré, Luis Alonso Girgado e Carlos Loureiro. Elixiron por maioría a obra de Lopo entre as 27 presentadas e destacaron que era unha novela dirixida a todo tipo de lectores, incluso para o xuvenil.

O alcalde, José López, pola súa parte, agradeceu a labor do xurado e da editorial Galaxia, destacando co obxectivo e seguir prestixiando o premio.

Hora zulú é a terceira novela de Santiago Lopo, profesor de francés na Escola de Idiomas de Pontevedra. No ano 2006 gañou o Premio de Novela por Entregas de La Voz, con Game Over, e no 2009 publicou Peaxes. Os seus inicios foron traducindo guións cinematográficos. Asegura que para escribir se basea na observación da realidade.

Edición e 9.000 euros

O premio García Barros, que será entregado en novembro, inclúe a edición da obra por Galaxia e un premio económico de 9.000 euros.