O mozo que creou o imperio barbancés da cultura urbana

raquel iglesias RIBEIRA / LA VOZ

PONTEVEDRA CIUDAD

Pablo Castiñeira leva o grafiti e o «breakdance» por Galicia

25 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Un bo día, Pablo Castiñeira, un mozo noiés de tan só 25 anos, pensou en crear unha escola que fomentara a cultura urbana, que engloba formas de arte e de expresión tan variadas como o breakdance, capoeira, grafiti ou o beatbox. Tendo en conta as posibilidades que estas actividades ofrecen na rúa, uniuse a un grupo de amigos para fundar Vella Escola, unha asociación que, ao contrario do que di o seu nome, leva o arte e a danza máis moderna por Galicia.

Aínda que non teñen unha sede propia, a súa páxina web recibe a diario a visita de persoas interesadas en participar nos seus talleres. Os concellos, segundo explicou Castiñeiras, son os seus principais clientes. «Contrátannos para facer exhibicións e para ofrecer talleres aos veciños», asegurou. En municipios como Ames, Pontevedra e Santiago coñecen ben as súas facetas para potenciar a creatividade da poboación.

Reforzar a confianza nun mesmo e favorecer o desenvolvemento integral da persoa a través da actividade física son os principais obxectivos das actividades que promoven. Aseguran así desde Vella Escola que o graffiti, aínda que é unha disciplina que en moitos casos se vincula ao vandalismo, trata de reivindicar novos espazos creativos e a intervención plástica no entorno. O beatbox, pola súa parte, é a capacidade de crear música e diferentes ritmos utilizando tan só a boca.

Aínda que nos talleres participan na súa maioría mozos de entre 13 e 22 anos, desde a asociación aseguran que os anos non son un obstáculo para acceder a eles, xa que a cultura urbana non entende nin de idade nin de condición social.

Homenaxe a Lois Pereiro

Aínda que a súa forma de expresión cultural non é convencional, os integrantes de Vella Escola tamén recoñecen o labor dos escritores galegos de tempos nos que nin sequera naceran. É o caso da homenaxe que, a súa maneira e como mellor saben facer, dedicaron a Lois Pereiro no Día das Letras Galegas. Os mozos visitaron Monforte de Lemos, terra natal do autor para ofrecer os seus pasos de baile aos veciños e celebrar con eles este recoñecemento.

Tamén na facultade de Ciencias da Educación de Pontevedra deixaron recentemente boa mostra do seu talento nestas disciplinas, ata agora non moi coñecidas pero que de seguro seguirán captando adeptos.

Nas redes sociais Vella Escola está causando furor. Esta é outra maneira na que se dan a coñecer e pola que cada vez son máis persoas as que queren contar con eles para exhibicións e coordinación de cursos distintos aos habituais.