Escolares de oito centros reinventan o pasado

pontevedra / la voz

PONTEVEDRA CIUDAD

Editado o segundo número de «O Cartafol do Lérez», un xornal realizado por rapaces de centros públicos

01 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Uns seiscentos rapaces de oito centros escolares do municipio -Marcos da Portela de Monte Porreiro, Manuel Vidal Portela, Vilaverde de Mourente, Cabanas de Salcedo, Froebel, Xeve, Marcón e San Bieito de Lérez- reinventan o pasado de Pontevedra no segundo número de O Cartafol do Lérez, o xornal escolar que é emblema do proxecto de animación á lectura e á escrita creativa que impulsa a concellería de Educación.

Os escolares, de 10 e 11 anos, se convertiron en escritores noveis e aspirantes a publicar os seus contos e artigos. Divididos en 24 grupos de 25 integrantes, participaron en obradoiros de escrita creativa que parten sempre da conexión dos rapaces co seu entorno e a cidade. Os traballos recóllense nun xornal impreso cunha tirada de 2.000 exemplares, pero tamén existe unha versión dixital e un blog na Internet (www.ocartafoldolerez.org). Cada centro participante recibiu, ademais, un lote de vinte libros do catálogo da editorial Kalandraka., colaboradora desta iniciativa.

Os rapaces contan historias a partir de fitos arquitectónicos da cidade, como a fonde da praza do Teucro ou a esfinxe do edificio do Arquivo Histórico. Tamén continúan as receitas creativas como o canapé de palabriñas, as vedades verdes fritidas, os recordos con aceite ou o doce de palabras de amor. Tampouco faltan as adiviñas e os xogos de preguntas e respostas.

O xornal péchase cunha entrevista dos alumnos do Marcos da Portela ao escritor pontevedrés Chema Eras, autor de obras tan coñecidas como Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis e Avós.