Os libreiros nomean autor do ano a Freixanes por «Cabalo de ouros»

X. F. redacción / la voz

PONTEVEDRA CIUDAD

O escritor recibirá o premio Irmandade do Libro o sábado en Narón

30 mar 2011 . Actualizado a las 19:25 h.

Cando era un neno, Víctor F. Freixanes frecuentaba un quiosco das ruínas de San Domingos en Pontevedra onde intercambiaba as novelas do Oeste de Silver Kane e as escritas por Marcial Lafuente Estefanía. «Un día o libreiro púxome nas mans a Sonata de Otoño de Valle-Inclán para que o lera e aquilo deixoume o cerebro trastornado», lembra o hoxe escritor e editor. «Esas cousas non se esquecen». E por este mesmo motivo a Freixanes lle fai unha ilusión especial recibir o premio Irmandade do Libro ao autor do ano, galardón que concede a Federación de Libreiros de Galicia e que se lle entregará o vindeiro sábado nun acto en Narón.

Os libreiros recoñecen deste xeito a última novela publicada por Freixanes, Cabalo de ouros, pero tamén a súa traxectoria literaria, que inclúe títulos como O triángulo inscrito na circunferencia ou O enxoval da noiva, ademais do seu compromiso a prol da lingua e cultura galegas.

«Este tipo de premios son os que de verdade te cargan as pilas, porque veñen dende a base, eso que chamamos mercado, pero que en realidade son lectores. E os libreiros son os que mellor coñecen a ese público lector, os intermediarios que recomendan e orientan con bos libros. Se eles, isto non tería sentido», reflexionou onte Freixanes, quen tamén lembrou que un dos artigos que lle dedicou ao gremio, Libreiros, foi distinguido co Premio Fernández Latorre.

Cabalo de ouros (Galaxia), unha historia ambientada nos anos do wolframio en Galicia, significou o regreso de Freixanes á ficción narrativa despois dos 17 anos que seguiron á publicación de A cidade dos césares. A primeira edición saíu no pasado mes de novembro e xa está a piques de entrar no prelo a segunda, o que fala do favor dos lectores polo libro.

«Este tipo de premios son os que te cargan as pilas, porque veñen dende a base»

Víctor F. Freixanes