Cultura financiará Culturgal cun cambio de modelo cara á industria

Camilo Franco SANTIAGO/LA VOZ.

PONTEVEDRA CIUDAD

A consellería prefire ?un deseño de feira no que pesen máis as cifras de negocio que ?o volume de visitantes

14 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Este ano volverá a haber Culturgal, segundo admiten fontes da Consellería de Cultura e mais do sector, que nas últimas semanas veñen mantendo reunións para recuperar a feira das industrias culturais galegas. Hai acordo no apoio da Consellería de Cultura e da Agadic a esta iniciativa, e tamén hai un acordo sobre a necesidade dun cambio de modelo que oriente a cita cara á industria cultural e as súas posibilidades de negocio.

Segundo fontes da consellería, hai consenso co sector na «necesidade da existencia da feira» e tamén en que debe «tomar un rumbo profesional, estar orientada cara á industria e, por tanto, cara ao negocio». Tras as primeiras reunións entre a institución e o sector, Culturgal tomará un camiño orientado aos resultados económicos. Deste xeito, «trátase de ter máis en conta as cifras de negocio que se manexen que o número de visitantes» ao evento.

Os implicados na posta en marcha de Culturgal aseguran que unha cousa e outra, visitantes e negocio, non son contrarias, pero dende Cultura prefiren que o modelo a seguir non sexa «o da exhibición sen máis», senón que a feira sirva ademais para abrir mercado ás empresas culturais galegas.

Esta reorientación é unha condición imprescindible para que tanto a consellería como a Agadic presten respaldo a esta cita que o ano pasado non se celebrou, segundo a consellería, por falta de partida e que foi substituída nas mesmas datas por Achegarte, organizada por un colectivo co apoio do Concello da Coruña.

«Posibilidades de negocio»

Entre as decisións pendentes para próximas reunións entre representantes da consellería e mais do sector cultural está a elección do lugar no que se celebrará a feira. Dende a consellería sinalan que non hai tomada decisión algunha a este respecto e que a elección da cidade para celebrar o próximo Culturgal terá que ver coas condicións que ofreza para prestar máis servizo ao novo modelo. Dende a consellería sinalan que se buscarán as condicións óptimas para unha feira como a que se quere facer, «unha feira que favoreza as posibilidades de negocio». Segundo a consellería, non se desbota ningunha posibilidade neste sentido, posto que hai «varias cidades interesadas en participar na organización», de maneira que podería ser calquera das interesadas.

Culturgal celebrouse por primeira vez en Pontevedra e, na segunda edición, escolleuse A Coruña, sinalada pola Consellería de Cultura do goberno bipartito de entón como sede definitiva. No ano seguinte a este anuncio non se celebrou.

No mesmo sentido, está por decidir a data de celebración, aínda que é probable que se utilicen datas similares ás que se escolleron para a primeira e a segunda edicións, nos últimos meses do ano, ou, como na última edición coruñesa, nos primeiros días de decembro.

Segundo sinalan fontes da organización, nos vindeiros días farase un perfil do modelo de feira e, en función del, iranse tomando as outras decisións, pero sempre dende a intención de que sexa «unha feira profesional» en busca de resultados de negocio.