Biografías, ensaios, e unha edición limitada da homenaxe feita por Rei Zentolo

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

16 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Por veces o bosque das Letras Galegas non deixa ver as árbores dos autores homenaxeados. Dende finais do 2009, empezaron a verse nos catálogos de novidades e nas librerías galegas os inicios desa produción ligada ao autor homenaxeado e que abrangue case todos os xéneros literarios.

Entre os máis madrugadores está o libro escrito por Carme Blanco sobre Uxío Novoneyra, publicado por A Nosa Terra, e que fai un repaso pola vida e a obra do escritor a xeito de manual. Non é a primeira aproximación desta autora ao escritor do Courel posto que tamén é corresponsable, xunto con Claudio Rodríguez Fer, da edición de Os Eidos publicada no seu día por Edicións Xerais e reeditada para este ano. Na mesma editorial está publicada a revisitación que Xosé Lois García Fernández fai da obra do autor lucense.

Máis singular é a edición realizada por Rei Zentolo dos textos de homenaxe que numerosos autores galegos fixeron tras a morte do poeta no ano 1999. Eses textos están agora recollidos nunha edición especial e limitada que foi presentada en Pontevedra o mes pasado e que pretendía ser o punto de partida para a posta en marcha da Fundación Novoneyra.