«O poder do diñeiro pode distorsionar moito»

Camilo Franco

PONTEVEDRA CIUDAD

Autor de «Un tipo listo», premio García Barros

12 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Un dos protagonistas da novela de Xosé Monteagudo premiada co García Barros, Un tipo listo , (Editorial Galaxia) cometeu un desfalco no banco no que traballaba. A novela non buscaba o apoio da realidade, pero o seu autor recoñece que agora «está máis de actualidade que nunca».

-Unha novela con bancos, desfalcos e investigacións, parece unha novela moi realista.

-É realista, pero cando a escribín no 2006 xa pasaban cousas nos bancos, pero nunca me deu por pensar que fose ser un asunto de tanta actualidade. De feito eu creo que naquela data non era sospeitables todas as cousas que pasaron e quizais poderían parecer ficción de máis.

-¿Ademais da coincidencia, hai algo máis de realidade?

-No ano 1999 deuse un caso de desfalco nunha sucursal bancaria e eu tomo ese caso como punto de partida, eu tomo esa referencia para escribir, pero a partir dese inicio o resto todo, os personaxes, a investigación posterior, o desenvolvemento é inventado e non garda relación co acontecido. Hai unha cousa que si está tomada da realidade e é a maneira na que se produce o desfalco. Digamos a técnica coa que se realiza está tomada da realidade porque é difícil poder inventarse esas cousas para alguén que ten máis relación coa banca que a normal.

-¿En «Un tipo listo» que predomina a investigación ou as circunstancias dos personaxes?

-Non é unha novela de xénero. É máis unha novela de personaxes porque o caso é coñecido desde o comezo polo lector. Pero hai unha investigación que non é policial nin detectivesca. O desfalco coñécese cando o seu autor morre. Para o seu fillo ten implicacións graves ese desfalco e decide poñerse a investigar, pero o motor principal da investigación non é tanto o do diñeiro como que o fillo quere saber que foi o que levou ao seu pai a cometer ese delito. Nese sentido, o pai é un descoñecido para o fillo así que ten a necesidade de saber por que o seu pai acometeu un desfalco que ten unhas proporcións grandes. Ese motor creo que é tamén o da novela. Neste sentido quizais os personaxes importen máis que a investigación, pero unha cousa vai da man da outra.

-¿Hai algunhas referencias máis da realidade?

-Os escenarios están tomados da realidade e son recoñecibles para o lector. Eu quería un espazo identificable, unha cidade grande que, entre outras cousas, fose verosímil para quen lea. A novela transcorre en Vigo e para o lector será moi fácil orientarse nos espazos polos que se moven os personaxes. Tamén ten importancia algunhas raíces rurais e algúns escenarios como Baiona ou Pontevedra. Quero que a novela sexa realista e que o lector entenda que son historias que poden suceder como a realidade di que acontecen.

-Despois de escribir sobre xente que comete desfalcos, ¿cre que os diñeiro é o motor principal?

-Non sei se en todos os casos, pero está claro que a ambición económica é causa dunha parte fundamental destes delitos. Tamén pode suceder que haxa outras motivacións e que canto máis coñeces os casos penses que o diñeiro ten menos importancia, pero eu penso que o elemento económico define moito. O poder do diñeiro pode distorsionar moito a percepción dunha persoa. Con todo na novela a conclusión que poida ter o autor non é importante, hai elementos de xuízo suficiente na historia para que cada lector tire a súa propia conclusión sobre os personaxes.