«Temos lectores de doce, vinte, corenta e cincuenta anos»


Cando Retranca saiu á luz hai dous anos, moitos pensaban que esta revista de humor en galego ía durar «un telexornal», como recorda Kiko da Silva. Pero agora, con 22 números, a publicación é a primeira que logra manterse tanto tempo. O día 30 celebrarano cunha festa no Café Moderno de Pontevedra.

-¿Cal é a fórmula para logralo?

-A verdade é que non sei. Supoño que un tema moi importante foi plantexalo sempre desde un punto de vista profesional. Cando me metín nisto fixen o traballo como se fose montar un bar, vin se era viable, vin tipos de publicacións, de papel, a cantidade de exemplares que tiñamos que sacar... Todo o traballo de loxística. Supoño que iso foi o que fixo non que fose rentable, porque non se pode vivir dela, pero si autoxestionada, sobre todo tendo en conta que nace sen axudas nin subvencións. Se hai 22 números é porque á xente lle gusta e a merca.

-A crise non perdoa. Agora «Retranca» será bimensual.

-Si, todos os medios están vivindo o mesmo. É unha situación de precaución, saír nestas condicións na que custa moitísimo meter publicidade e sen saber o que nos pode pasar no 2010, pois para asegurar que poda durar o ano sen problema unha das solucións que atopei foi esa. Saír con máis páxinas e contidos pero intentar gastar menos.

-¿Qué personaxes son os que mellor funcionan?

-A política funciona moi ben. E curiosamente cando comenzamos pensamos que a revista ía estar dirixida máis a un público xuvenil, estudiantes o universitarios, pero temos lectores de doce, vinte e de corenta o cincuenta. É unha situación rara, que non se dá nunha publicación de tan pouco tempo. Eso é que si que hai interés en Galicia por parte da xente de que se lle conten as cousas desde un punto de vista humorístico.

-¿Cabrearon a moitos políticos?

-Non, as polémicas foron contadas. Unha foi a da campaña da lingua nos autobuses de Vigo e despois outra rara co ex alcalde de Cangas, que se enfadou por unha historieta na que se explicaba desde un punto de vista sexual o problema da lingua.

-¿E felicitacións?

-A única chamada directa que tivemos, supoño que pola novidade, xa que era o primeiro número, foi a da anterior conselleira de Vivenda, Teresa Táboas. Foi a primeira caricaturizada nun póster e chamou encantada para darnos as grazas.

-¿Que novidades plantexa no tercer ano de «Retranca»?

-En colaboradores empezamos a meter xente novel, que está empezando, e fixemos algún fichaxe, como Bernardo Vergara, de El Jueves, ou Carrabouxo. E o cambio máis notable en breve é que imos engadir un suplementiño á revista sobre o tema da lingua. Porque cada vez que facemos un número do tema, véndese moitísimo. E o decreto vai dar moito que falar.

-¿Cal é hoxe a situación do humor galego?

-Creo que probablemente sexa un momento de plenitude, porque ata agora os que faciamos humor en galego o tiñamos que facer en prensa seria. E por fin hai unha posibilidade de poder facer outro tipo de humor, porque a revista non ten nada que ver co xornal, é máis socarrón. Por exemplo, non creo que haia moito mozo de vinte anos ao que lle interesen moitos temas da política actual galega, pero grazas a este tipo de publicacións poden enterarse de máis cousas e logo ir curiosear á prensa tradicional.

-¿Que outros proxectos ten ao marxe de «Retranca»?

-Estou preparando un libro de ilustración, que sairá a finais de ano e unha novela gráfica, a primeira para adultos, para o 2010. Está inspirada no libro de Manuel Lourenzo González e titúlase Baixo a sombra das pedras flotantes. A editará Norma en castelán e Xerais en galego.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos

«Temos lectores de doce, vinte, corenta e cincuenta anos»