Cultura estuda fixar a celebración do Culturgal na cidade da Coruña

C.F.

PONTEVEDRA CIUDAD

O departamento valora as condicións e os resultados que vai conseguindo nesta segunda edición

07 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Consellería de Cultura estuda fixar a celebración do Culturgal na Coruña de maneira definitiva.

Segundo a consellería, a boa acollida que tivo a feira nesta segunda edición, as condicións nas que se está desenvolvendo a celebración que remata hoxe e a boa asistencia de público durante estes días favorecen esta opción que faría do Culturgal unha cita fixa no calendario de actividades coruñesas.

Á espera de saber as cifras definitivas de asistencia á feira, que se darán a coñecer hoxe, hai coincidencia tanto na organización como entre os profesionais en que o volume de público desta segunda edición é moito máis amplo que o da primeira, celebrada en Pontevedra. As condicións do espazo expositivo e a valoración positiva dos profesionais reforzan esta posibilidade que desbota a itinerancia entre as cidades galegas para o evento que debe exhibir a produción cultural do país.

Bieito Ledo presentou no marco do Culturgal o EGU , a Enciclopedia Galega Universal . Nesa presentación o editor adiantou un proxecto que se firmará en Barcelona durante o próximo mes e que reunirá a 18 editoras doutros tantos países europeos. O proxecto leva por nome Europedia e será unha enciclopedia en rede na que cada editora incorporará os coñecementos específicos de cada país e unha redacción conxunta elixirá os datos comúns.

Segundo Bieito Ledo, o EGU participará como socio desta Europedia que será financiada con fondos europeos. Para a lectura, o proxecto ten previsto un sistema de traducións automáticas entre idiomas de maneira que cando un lector galego abra unha entrada de calquera outro idioma poderá lela na súa lingua.