Culturgal busca que a cultura do país teña «letras e números»

Camilo Franco

PONTEVEDRA CIUDAD

05 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Acadar unha cultura que teña letras e números, así definiu o director xeral de Creación e Difusión Cultura, Luís Bará, o tipo de cultura que representa Culturgal. A apertura da segunda edición da feira das industriais culturais galegas iniciouse onte arredor desta idea que, para a conselleira do sector, Ánxela Bugallo, «pretende demostrar que a creatividade é tamén un factor de desenvolvemento económico».? Participación para o coñecemento foi outra das mensaxes lanzadas no acto de inauguración da feira dirixida por Nel Vidal. Unha invitación constante a que a xente entre na feira e perciba, en palabras de Fran Alonso, «a creatividade e a forza da cultura galega, unha cultura cunha dimensión moi grande para un país tan pequeno».

A feira que se abriu onte no Palexco coruñés está organizada en sesión continua e de maneira que os visitantes non profesionais poidan seguir actividades de distintas disciplinas artísticas. Deste xeito, dende primeira hora da mañá ata a última hora da tarde van sucedéndose as actividades que permiten mesturar as ofertas do audiovisual galego coas presentacións de discos. Como demostración das horas de programación e do repaso á situación e as novidades da cultura do país, no interior do Palexco presentouse por unha banda o catálogo de Asociación de Actrices e Actores de Galicia e mais a cita da lusofonía que terá lugar a semana vindeira en Pontevedra, Cantos na maré. Ao tempo comezaron as xornadas do audiovisual e os obradoiros para os cativos relacionados coa dobraxe.