Culturgal busca en A Coruña unha ubicación alternativa a Pontevedra

Camilo Franco

PONTEVEDRA CIUDAD

A organización mantén o mes de maio como data de celebración sen desbotar de todo á cidade do Lérez

05 dic 2007 . Actualizado a las 02:12 h.

A seis meses da celebración da súa segunda edición, Culturgal aínda non decidiu a súa sede nin pechou o capítulo económico. A feira, que naceu o ano pasado como a máis importante cita da industria cultural galega, estuda este ano un novo emprazamento que, segundo fontes institucionais, podería ser en A Coruña.

Segundo aseguraron, nesta altura barállanse dúas posibilidades para acoller a feira cultural en maio do 2008. Unha das opcións sería continuar coa ubicación pontevedresa do Pazo de Congresos e a outra sería trasladar a localización da cita a Coruña, probablemente ao Palexco.

A Consellería de Cultura admitiu que a opción coruñesa leva estudándose un tempo sen que, polo momento, implicase descartar de todo a súa celebración en Pontevedra. A dúbida sobre a ubicación está marcando o proceso de organización da feira e afectando tamén ao peche dos orzamentos para o que, en teoría, debe converterse no principal escaparate das industrias culturais do país.

A pesar de que Culturgal naceu o ano pasado con vocación de estabilidade tanto en datas como en ubicación, de maneira que nas sucesivas celebracións se identificase feira e localidade, as cifras de visitantes da primeira edición, pouco máis de 10.000 non acabou de satisfacer á organización que valorou a asistencia como boa para unha edición iniciática, pero curta para a ambición e para as necesidades dun festival desas características.

Case desde o mesmo momento de finalización desa primeira edición, celebrada en maio pasado, apareceu a hipótese de buscar un emprazamento para a feira nun espazo de similares características por tamaño ao pazo pontevedrés, pero que estivese máis próximo a un espazo urbano e, polo tanto, que garantise unha maior afluencia de público espontáneo. Neste sentido, tamén consideraron moitos dos participantes na primeira feira que para conseguir uns resultados económicos aceptables para os participantes era necesaria un maior caudal de público. A Coruña apareceu como unha das opcións máis claras para trasladar Culturgal.

Segundo algunhas versións, a opción coruñesa implica unha maior investimento para a montaxe da feira, co conseguinte incremento nun presuposto que aínda está por pechar. A decisión sobre cal será a ubicación para este ano vindeiro está afectando tamén ao calendario organizativo da feira.

Culturgal naceu ao abeiro da Asociación Galega de Editores como unha cita para que as diferentes pólas da cultura do país tivesen unha cita na que exhibir a súa produción e que, ao tempo que propiciaba un espazo económico para as produtoras, servise de lugar promocional para os autores.

Seguindo ese modelo, Culturgal acolleu o ano pasado tanto presentacións de discos, libros, algúns adiantos audiovisuais ou concertos.