O grupo está a someterse a unha análise externa da súa xestión durante os últimos anos

La Voz

PONTEVEDRA CIUDAD

20 nov 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Na reunión celebrada onte en Bóveda informouse tamén sobre o estado en que se encontra un proxecto de cooperación interterritorial que Río Lor leva a cabo actualmente en cooperación con outros cinco grupos de desenvolvemento local de Galicia: Euroeume, Terras das Mariñas, Pontevedra e comarcas de A Ulloa e Ordes. Dentro deste proxecto, a empresa Quasar Consultores está realizando un informe externo sobre o funcionamento de todos estes grupos durante a etapa de realización do Leader Plus, para o cal está consultando a opinión dos concesionarios de subvencións outorgadas dentro deste plano e de diversos axentes sociais de cada unha destas zonas.

Os responsables de Río Lor consideran que este proxecto pode ter unha notable importancia de cara á posta en marcha do próximo plano de desenvolvemento, xa que o estudo realizada pola firma Quasar servirá para determinar cales foron as actuacións máis acertadas do Leader Plus e cales son os aspectos que necesitan melloras e correccións. Ademais, cabe a posibilidade de que Río Lor siga colaborando cos mencionados grupos nalgunha das iniciativas que se leven a cabo dentro do futuro plano de desenvolvemento.

Mesas de traballo

Para o próximo día 28 está previsto celebrar unha mesa de traballo na que se reunirán técnicos de Quasar Consultores con promotores de proxectos que recibiron subvencións xestionadas por Río Lor. O encontro terá por finalidade recoller máis impresións dos beneficiarios do Leader Plus e posibles queixas ou reclamacións sobre a xestión deste plano. O 13 de decembro celebrarase un segundo encontro deste tipo, no que participarán tamén representantes dos diferentes concellos do grupo. Nesta sesiós espérase tamén continuar trazando unha estratexia de actuacións para a zona durante a próxima etapa.