Avelino Pousa Antelo

LUÍS MARTÍNEZ-RISCO DAVIÑA

PONTEVEDRA CIUDAD

CALPÚRNIA | O |

30 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

LEMBREI na entrega das medallas Castelao a primeira vez que tratei con Avelino Pousa Antelo. Fora en Santiago, polo verán de 1977. Esquecín quen me puxera en contacto con el. Tampouco lembro o motivo; pode que tivera que ver cos seus esforzos por refundar o Partido Galeguista. Mais sempre teño presente, gravado firmemente no corazón, a viaxe realizada con el e a súa familia a Pontevedra unha calurosa tarde do 17 de agosto. Visita emotiva ao cemiterio, á tumba de Alexandre Bóveda e ao monte da Caeira. Fermosa lección de compromiso con Galiza, coa dignidade e coa liberdade, transmitida de forma humilde, sen dicir nada. Anos despois volvín encontrarme con Avelino en Trasalba, no Couto Mixto, na Illa de San Simón. En lugares diversos de especial significado para a galeguidade. Sempre xeneroso e co sorriso franco. Cunha paciencia propia dun avó cos cativos. E aínda que hoxe camiña acompañado dun rexo caxato, mantén ergueito o espírito dos que souberon gardar para as novas xeracións o profundo significado dunha Galiza ceibe e dona de seu.