«Arredor de sí», ou a dualidade que ofrecen protagonista e antagonista

AIDA PAZOS QUINTILLÁN

PONTEVEDRA CIUDAD

Non é fácil explicar por que resulta interesante unha novela na que -pódese dicir así- a penas pasa nada, na que case non hai acción. E sen embargo a moitos parécenos que «Arredor de sí» é unha novela de lectura máis que recomendable sobre todo polo atractivo da dualidade que ofrecen protagonista e antagonista. Lecturas cualificadas

21 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Arredor de si , a novela de Ramón Otero Pedrayo que desde mañá formará parte da Biblioteca Galega 120, ten como personaxe principal a Adrián Solovio e como personaxe secundario e antagónico ao seu irmán Xacobe. Adrián Solovio sería na actualidade un personaxe anacrónico, pois é idealista, soñador, un home de estudio, de meditación, un home nada vulgar, rico en cartos e intelectualmente riquísimo: viaxa por España e Europa, coñece as literaturas castelá e francesa, le os filósofos alemáns, etc. Solovio é fundamentalmente un personaxe literario. O aspecto máis atractivo e interesante de Adrián Solovio é a súa preocupación por cultivar o espírito, que contrasta co rumbo que xeralmente leva o home na sociedade actual, centrado sobre todo nos negocios, na economía e na fachada física. Adrián analízase interiormente. Adrián representa a calma, a reflexión, o idealismo, a inxenuidade e a introspección; tamén é un observador da paisaxe e do cosmos. Preocúpase sempre polas cousas menos materiais pero máis achegadas. Un home moderno Adrián Solovio é un home moderno para aqueles comezos do século XX. Pero a modernidade nos tempos actuais sintoniza máis ben co que representa o seu irmán Xacobe, o seu antagonista na novela. Xacobe Solovio xa ten daquela unha escala de valores que coincide máis co home contemporáneo: interésanlle os negocios, é emprendedor, está preocupado polos cartos e pola súa rendibilidade. Intelectualmente pobre e sen intención de mellorar neste campo, Xacobe sendo tan extrovertido, tan materialista e tan «antigalego» quedou en aldeán, no mal sentido da palabra, mentres que Adrián en Galicia, apegado á terra e falando galego, séntese e é europeo e planetario. Para Adrián non hai fronteiras nin contradiccións desde o seu dobre compromiso de galeguismo e de cosmopolitismo. AIDA PAZOS QUINTILLÁN é profesora de Lingua Galega no IES Martín Sarmiento de Pontevedra