O lume calcinou o ano pasado 1.057 hectáreas no distrito Caldas-O Salnés

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

PONTE CALDELAS

Martina Miser

Os incendios de Saiar e da Fracha a comezos de agosto concentraron o 89 % do arrasado no 2022, o peor ano do último lustro en canto a superficie queimada e o cuarto na última década

26 ene 2023 . Actualizado a las 20:38 h.

Máis dun milleiro de hectáreas. Concretamente, 1.057,58. Esta é, informa a Consellería de Medio Rural, a superficie arrasada polos 131 lumes rexistrados o ano pasado no Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés. Un área que, pese ao seu nome, abrangue un espazo moito maior ao das dúas comarcas da súa denominación. Concretamente, os 28 concellos do cuadrante noroeste da provincia de Pontevedra, con Pontecesures e Cuntis fixando o seu límite norte, O Morrazo, Vilaboa, Ponte Caldelas e A Lama o sur, Campo Lameiro e Cotobade o leste e a costa de Arousa o seu linde oeste.

O 87 % das hectáreas calcinadas no distrito forestal, isto é, 917,75, corresponderon a superficie arborada, sendo as 139,83 restantes de monte raso.

O ano negro vivido nos montes das comarcas do cuadrante noroeste pontevedrés non tería sido tal de non producirse os dous brutais incendios que, á par durante a maioría dos seus días de extinción, coincidiron no tempo en dous puntos ben afastados no físico, pero tan próximos no emocional entre os veciños e comuneiros directamente afectados. Falamos do lume na Fracha, entre Pontecaldelas e Pontevedra, e o que afectou ao monte Xiabre, con inicio no termo municipal de Caldas, e salto tamén ao de Vilagarcía.

Entre o inicio dun e doutro houbo un só día de diferenza. Coa seca deixando os montes galegos sen a menor humidade que os protexera, o 4 de agosto, ás 19.25 horas, prendía o lume na parroquia caldense de Saiar, cronificada no mapa de puntos negros da loita contra o fogo. Cando Medio Rural deu por extinguido o lume, ás 11,04 horas do 9 de agosto, perdéranse 561,4 hectáreas. O 5 de agosto iniciábase o lume da Fracha, que acabou levando por diante 380 hectáreas. As 941 hectáreas sumadas polos dous dramas, que chegaron a requirir a declaración de nivel 2 pola proximidade das lapas ás casas, foron o 89 % da superficie total arrasada no distrito no 2022.

 

A superficie queimada na última década foi de 5.691 hectáreas

Os dous lumes de agosto nos lindes entre os concellos de Caldas e Vilagarcía, no caso do monte Xiabre, e de Pontevedra e Ponte Caldelas, no da Fracha, sustentan o que é o peor dato de superficie queimada no Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés nun lustro no que apenas houbera que lamentar o impacto dos incendios. Tanto é así, que chama a atención observar como con só un lume máis, 131 fronte a 130, as 1.057,58 hectáreas queimadas o ano pasado multiplican por cinco as 203,36 do 2020.

Que no 2018, con 115 lumes tan só se calcinaran 60,5 hectáreas no conxunto dos 28 concellos do cuadrante noroeste de Pontevedra, e que no 2019 foran 81,5 nos 112 sucesos incendiarios contabilizados pola Xunta, axuda a entender as condicións extremadamente propicias para o lume vividas o pasado verán a raíz dun episodio de seca, que ameaza con converterse en recorrente polo cambio climático. No 2021, sen este estrés hídrico nos montes galegos, foron 138,76 as hectáreas queimadas no Distrito Forestal XIX.

Na última década, desde o 2013, os 28 concellos deste último sufriron a perda de 5.690,96 hectáreas, segundo os datos facilitados pola Consellería de Medio Rural, 4750,49 arboradas e 940,47 de monte raso, en 1.441 lumes. A maioría concentrouse en catro anos negros, por esta orde: 2016 (1.464 hectáreas calcinadas), 2017 (1.302), 2013 (1.071) e o 2022 (1.057).

Martina Miser

Case 200 efectivos da Xunta, apoiados por 50 municipais

A protección contra os lumes do Distrito Forestal XIX Caldas-O Salnés é cousa da Consellería de Medio Rural. A ela destina 186 efectivos e nove motobombas. Medios propios que mantén repartidos en cinco puntos ao longo e ancho do cuadrante noroeste pontevedrés. Con todo, a guerra contra os incendios conta durante os tres meses centrais do ano co apoio dos medios que algúns dos concellos deciden sufragar para dispor nas súas localidades de recursos propios para tal fin. No 2022, informa a Consellería de Medio Rural, só oito dos 28 concellos do Distrito Forestal XIX apostaron por dispoñer de cadanseus medios municipais a través do correspondente convenio coa Xunta. En total, foron dez brigadas, cada una delas formada por 5 persoas, e media ducia de motobombas. Así as cousas, o cuadrante noroeste da provincia de Pontevedra dispuxo o ano pasado de 236 efectivos e de 15 motobombas para combater os lumes.