Ponte Caldelas homenaxea a Rosalía e vincula o seu amor á terra coa loita contra o trasvase

La Voz

PONTE CALDELAS

c.p.

20 feb 2018 . Actualizado a las 20:42 h.

A Casa da Cultura de Ponte Caldelas encheuse de veciños e representantes de colectivos culturais para participar na homenaxe a Rosalía de Castro con motivo do aniversario do seu nacemento. Ponte Caldelas converteuse así no primeiro concello da bisbarra en lembrar á escritora no marco dos actos que impulsa a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

A música de Iván Gulín puxo a nota máis emotiva nun acto que comezou coa intervención do alcalde, Andrés Díaz, quen leu o poema Adiós ríos como símbolo da loita de Ponte Caldelas contra o proxecto do trasvase do río Verdugo, «un proxecto do que ata os seus impulsores senten vergoña e por iso prefiren chamarlle captación. Rosalía retratou como ninguén a dor e a perda por ter que afastarse da terra galega”, continuou, «e nós tampouco queremos renunciar aos nosos recursos, que nunca sobran, só porque alguén queira tratalos como simples mercancías para a explotación da natureza e a sinrazón humana».

.