Óscar Ibáñez, o gaiteiro que percorre o mundo cunha tribo sen deixar de ser un neno de aldea
POIO
Con 14 anos, saíu de Poio para tocar en Alemaña, Bélxica ou París. Hoxe é un clásico da música tradicional galega a punto de marchar a outra xira por distintos países
27 may 2026 . Actualizado a las 13:45 h.A Óscar Ibáñez (Poio, 1976), a melena do tipo greñudo e enfundado en camiseta de Guns & Rose que un día foi vaille indo a menos —«con vinte anos tiña entradas, agora xa son autopistas», recoñece con sorna—. Pero el négase a cortar polo san e, malia a calva dianteira, sigue coas greñas traseiras. E ese pelo a medio camiño é unha boa metáfora da súa vida. Porque Ibáñez é hoxe en día un dos gaiteiros consagrados da música tradicional galega, con máis de trescentos concertos internacionais e vinte discos no seu haber. Pero ese mesmo Ibáñez segue sendo tamén o neno de aldea que ficou abraiado co mundo cando, con catorce anos e coa gaita na man, saíu do seu Poio natal para tocar en Bélxica, París ou Suíza e descubrir que non hai mellor pegamento para Europa que o instrumento do fol e o punteiro: «Hai gaitas en todos lados, non só en Escocia ou Irlanda. Ese é o mito», di.
Óscar naceu en San Salvador de Poio e foi rapaz de xogar nos camiños, facer viño da casa, cavar na leira ou esfollar no millo. Non tiña vacas, pero si cabras. É imposible saber que sería da súas inquietudes artísticas se naquel momento ás monxas que xestionaban unha gardería en Poio non se lles dera por organizar clases de baile galego e gaita. El empezou danzando e os seus irmáns maiores tocando a gaita. Pero o guión cambiou cando se deron conta de que a el se lle daba mellor o instrumento. Herdou unha das gaitas dos maiores e aí comezou unha historia que foi de conto dende o principio. Porque, nunha época na que Internet nin estaba nin se lle esperaba, Óscar remexía aquí e aló buscando casetes para ter con el a gaiteiros como Ricardo Portela, un dos seus guías, ao que máis tarde lle dedicaría moito estudo e interese. De feito, é comisario dunha exposición sobre el.
Con 14 anos, o mundo deste aprendiz de gaiteiro mudou totalmente. Da man de Celme, percorreu Europa en autocar, tocando a gaita e sentíndose en familia. Pasaron décadas dende entón e Óscar segue abrindo moito os ollos e xesticulando para explicar como foi iso de saír da aldea e, en plena adolescencia, chegar a coñecer París xunto con gaiteiros irlandeses, checos ou búlgaros.
Foron esas unhas viaxes sen retorno ao mundo da gaita. Con 17 empezou a dar clases porque había que facer rendible o aprendido. Traballou arreo e a vida compensouno cun deses agasallos que quedan para sempre dentro dun: estivo varios ensinando a tocar a gaita nos centros de galegos de toda América, dende Los Ángeles a Chile ou Brasil. E nesas voltiñas que foi dando polas Américas ata atopou en tesouro. Ocorreulle na Habana. Alí deu cun home chamado Rodolfo Posada, fillo dun dos gaiteiros máis célebres en Cuba, o emigrante galego José Posada, fundador do famoso Quinteto Monterrey. Rodolfo conservaba as vellas partituras do pai, que lle acabou cedendo ao gaiteiro galego, que á súa vez fixo que acabaran no museo de Cornamusas de Ourense.
Despois chegou a universidade, os concursos de gaiteiros e irse convertendo nun clásico da escena galega. Non o fixo só. Se algo lle fai sentir orgullo a Óscar é ter unha tribo ao seu redor e a así o di o seu nome artístico: Óscar Ibáñez & Tribo. Rodéase dos seus músicos, da súa tropa; compañeiros que, nalgúns casos, levan vinte anos compartindo escenario con el. Pide que saian os seus nomes. E escritos quedan; son André Labraña (acordeón), Harry (violín), Xosé Liz (bouzouki), Paco Dicenta (baixo) e Leandro Deltell (batería e percusión). Ás veces tamén se suman Teresa Gómez, zanfona; Carla Villanueva, xilófono; e os gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia.
Con eles vai emprender axiña unha nova xira, chamada Camiño Atlántico. De momento, todos os concertos confirmados son fora de Galicia, tanto en España como en outros países, aínda que Óscar asegura que tamén tocarán no país. Pero cre que o feito de que estean saíndo máis ao exterior ten moito que ver co que está pasando en Galicia, onde hai novas xeracións de artistas que fan música tradicional pero dándolle unha volta de rosca, como poden ser dende As Tanxugueiras a Mondra pasando por Baiuca. Eles son os que agora mesmo mandan nos carteis dos grandes festivais. E a el gústalle que estas novas propostas conecten coa mocidade e cre que o feito de que estean tan presentes en Galicia fixo que os artistas máis apegados á tradición voaran buscando escenarios e se atoparan con grandes sorpresas: «En Portugal, por exemplo, están tirando moitísimo os gaiteiros», conta.
Pai de dous músicos en potencia, Ibáñez ten claro que ser gaiteiro é arte. Pero que, sobre todo, supón un exercicio de resistencia: «Somos ben sufridores. Xa hai un dito que di que o gaiteiro afina medio ano para tocar desafinado o outro medio», espeta.