O concerto «Estrelas de rock» contará con Javier Ojeda e Goar Iñurrieta como convidados
24 feb 2026 . Actualizado a las 19:32 h.O vindeiro 7 de marzo, a Escola de Música de Poio (EsMu), en colaboración co Concello de Poio, desenvolverá un concerto moi especial, Estrelas de rock. Trátase dunha proposta que levará a esta agrupación a compartir escenario con dous referentes da música estatal: Javier Ojeda e Goar Iñurrieta.
Mentres que o primero é un cantante e compositor con máis de catro décadas de traxectoria e líder do grupo Danza Invisible, Goar Iñurrieta é un guitarrista vinculado á histórica banda Cicatriz. Ambos achegarán a súa experiencia e estilo a un proxecto que busca unir a formación musical coa música rock nun formato accesible para todos os públicos, destacaron dende o Concello de Poio.
Este concerto desenvolverase nunha carpa instalada na Seca, de tal xeito que a entrada será gratuíta. Ante a posibilidade dunha elevada expectación, a organización optou por habilitar un formulario para que os interesados en asistir poidan reservar previamente un espazo —https://forms.gle/s2Ysfhapd9vWxEbw9—. Tratase dunha opción que estará dispoñible ata o 1 de marzo, se ben a este martes xa había máis de 300 butacas reservadas. En todo caso, dende o Concello de Poio precisaron que non será necesario anotarse para poder gozar do concerto de pé.
Estrelas de rock será un concerto moi especial e tamén histórico para a Escola de Música de Poio (EsMu), xa que «é a primeira vez que se organiza unha actuación destas características, na que a formación interpretará un repertorio baseado na música pop e rock xunto a artistas convidados». O alcalde Ángel Moldes animou este martes a veciños e visitantes a asistir a un concerto que tamén servirá para poñer en valor o traballo que está a realizar a Banda de Música de Poio e a súa Escola de Música.
Desde a organización destacaron que esta iniciativa nace coa intención de ter continuidade no tempo.