
Os establecementos poderán concorrer en dúas modalidades, tapa tradicional ou creativa
11 mar 2025 . Actualizado a las 14:54 h.A segunda edición do certame gastronómico TapeaPoio terá lugar en maio deste ano «con máis días, máis establecementos participantes, maiores premios para clientes e hostaleiros, e premios outorgados por un xurado experto, que se unirán ao votado polo público», destacaron este martes dende o Concello de Poio.
Os establecementos poderán concorrer en dúas modalidades, tapa tradicional ou creativa, e o público terá novas posibilidades de depositar o seu voto. «No 2024 o certame tivo unha resposta impresionante, tanto por parte do sector como dos propios veciños e visitantes que degustaron cada tapa», indicou a concelleira Rocío Cochón, quen mantivo un encontro cos hostaleiros no Casal de Ferreirós. «Cumprimos con creces obxectivos como o de reivindicar a calidade e diversidade da nosa oferta gastronómica e o de dinamizar a hostalería fóra da tempada alta, e no 2025 imos seguir por ese camiño aínda con máis forza».

A edil incidiu, ademais, na importancia de poñer en valor a restauración poiense, xa que «desde hai moitísimo tempo somos o gran referente gastronómico das Rías Baixas, por non dicir de Galicia». Neste eido, anunciou que a entrega de premios, previsto para principios de xuño, «será unha auténtica Gala da Gastronomía de Poio (...). Unha verdadeira festa para vós, os hostaleiros e hostaleiras que continuades unha tradición e un nivel dos que poden presumir moi poucos concellos».
O encontro serviu tamén para abordar a situación do sector en Poio e facer un balance das actuacións do Goberno local nos últimos meses. Así, e segundo destacaron dende o goberno local, varios dos asistentes celebraron a creación de prazas de estacionamento para veciños e visitantes, un servizo «fundamental para a hostalaría e o turismo». Neste sentido, aludiron ao aparcadoiro inaugurado recentemente na rúa Maceira, en Combarro, e outros situados en San Salvador, San Xoán ou Samieira.