Poio organiza «O son da gaita»

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

CONCELLO DE POIO

O Casal de Ferreirós acollerá este domingo actuacións musicais e presentacións de libros para rematar cunha foliada en Casa Laura

28 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Este domingo, o Casal de Ferreirós de Poio acollerá as xornadas O Son da gaita, iniciativa organizada pola Asociación Cultural Pai da Cana, en colaboración coa Concellería de Cultura, e na que tamén se implican outras institucións como a Deputación de Pontevedra e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

O músico e produtor Óscar Ibáñez e a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez presentaron unha programación na que o protagonismo recaerá na interpretación do instrumento. Esta cita «supón unha grande oportunidade para gozar con algúns dos grandes referentes do instrumento en Galicia», destacou Ibáñez.

O evento dará comezo ás 11 horas con Ansuíña (Vilanova) e Polavila e Os Alegres, ambos de Pontevedra. Ás 12 horas presentarase os libros O toque pechado, de Pablo Seoane, e Gaita de baixa intensidade, de Cristóbal Prieto, que darán paso ás actuacións de Pepe Vaamonde, David Bellas, Diego Prieto, Miguel Fraguas e Marcos Campos, para rematar cun xantar-foliada en Casa Laura, en Campelo (15 h.).

Raquel Rodríguez agradeceu a implicación e interese amosado por parte da Asociación Cultural Pai da Cana á hora de difundir e poñer en valor a historia, a tradición e a importancia deste instrumento musical en Galicia e salientou a notable traxectoria desta asociación que naceu a mediados da década dos 90 da man de Óscar Ibáñez.

Para asistir a estas xornadas será preciso inscribirse previamente no correo electrónico acpaidacana@gmail.com. No caso das intervencións dos grupos e da presentacións dos libros, a entrada será gratuíta, mentres que no apartado de solista terá un custo de 5 euros. Con respecto ao xantar, a inscrición será de 25 euros.