Os xardíns do Casal de Ferreirós, en Poio, acollen o Día da Matria

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

CONCELLO DE POIO

O Grupo Chévere interpretará «As fillas bravas de Momán»

22 jul 2022 . Actualizado a las 09:24 h.

A partires das 20.30 horas de hoxe, os xardíns situados nas inmediacións do Casal de Ferreirós, en Poio, acollerán unha nova edición do Día da Matria, que este ano recupera a normalidade tras dúas edicións marcadas polas restricións derivadas da pandemia do coronavirus. Está previsto que o alcalde Luciano Sobral abra un acto no que tamén intervirá Marga Caldas, concelleira de Memoria Histórica.

Durante a presentación, destacaron que este ano o teatro será o gran protagonista, toda vez que o Grupo Chévere interpretará nesta xornada As fillas bravas de Momán. Ademais, como xa é tradición, procederase á entrega de bandeiras conmemorativas desta data ata rematar as existencias.

Os actos do Día da Matria foron presentados a principios desta semana polo alcalde Sobral, a concelleira Marga Caldas e a titular da área de Cultura, Raquel Rodríguez. «Sen dúbida é unha data moi importante, na que queremos reivindicar a importancia da figura da muller no noso país», precisou a edil de Memoria Histórica á hora de dar a coñecer os detalles desta iniciativa.

Neste sentido, e logo de recordar os dous anos nos que este evento estivo moi condicionado polas restricións sanitarias por mor do covid-19, esta tarde «poderemos desenvolver un acto aberto para toda a cidadanía», celebrou Marga Caldas.