Poio estrea hoxe o Festival da Ameixa con M-Clan e apoiando a cultura local

La Voz POIO / LA VOZ

POIO

Oscar Vázquez

Haberá aparcamentos disuasorios para estacionar durante os concertos

17 sep 2021 . Actualizado a las 21:28 h.

Un ano máis, o pesadelo do covid-19 non permitirá levar a ca bo a Festa da Ameixa de Poio, unha das celebracións gastronómicas emblemáticas da bisbarra, no seu formato habitual. Pero decidiuse substituíla por un Festival da Ameixa que ten á cultura como gran protagonista e que bota a andar hoxe mesmo. Farao tanto cun concerto dun grupo coñecido no panorama nacional, M-Clan, como cun claro apoio á cultura e aos creadores locais.

O programa, polo tanto, bota a andar hoxe ás 19.00 horas cun pasarrúas a cargo de Vides Novas, un grupo de Poio. Posteriormente, terá lugar o citado concerto de M-Clan, que se celebrará en A Granxa ás 22.00 horas e para o que xa non quedan entradas dispoñibles. Tampouco as hai xa para Dr. Queen, que actuará mañá en Poio. Do que si poderán gozar todos os que o desexan mañá será do arte da Escola de Música Tradicional de Poio, que ás 11.30 horas será quen se encargue encher de música e colorido o núcleo de Combarro, mentres que Os Queimatasas entrarán a escena a partires das 19.00 horas.

O Concello de Poio, consciente do tirón das citas musicais desta noite e de mañá, buscou a maneira de facilitar o estacionamento a quen se achegue ata A Granxa. Desta maneira, o concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez, explica que se porán á disposición aparcamentos disuasorios na contorna. Trátase de parcelas cedidas polos seus propietarios para garantir prazas suficientes de estacionamento durante os dous días de concertos, aos que hai que sumar os aparcadoiros disuasorios xa habilitados polo Concello en Pedro Soto e Padre Avelino. O edil agradece a predisposición destes propietarios.

O concelleiro de Festexos tamén lembrou que, se ben para as dúas principais citas musicais da fin de semana as entradas xa están esgotadas, quen así o desexe pode retirar tiques en woutick.es para os espectáculos que ofrecerán na Seca as orquestras París de Noia, o 24 de setembro, e El Combo Dominicano o sábado 25, ambos ás 22.00 horas. O Programa Verán en Poio 2021 despedirase o domingo 26 cun espectáculo a cargo de Pelepau en Costa Xiráldez (Lourido), ás 20.00 horas, con entrada libre ata completar aforo.

Por outra banda, o que si se mantivo con respecto a anos anteriores foi o Concurso de Fotografía Festa da Ameixa, que chegou á súa cuarta edición. a. A obra gañadora foi Un paseo ao atardecer, de Gerardo Pazos, mentres que o segundo premio se lle outorgou a Iago Manoel Souto por Un lugar diferente. Por último, a terceira fotografía máis valorada foi Limiar realizada por Annabel Gómez Carballo. Todos eles serán premiados con vale para material fotográfico ou similar.