O eido sanitario protagoniza en Poio os faladoiros A forza das mulleres

Silvia Díaz destaca estes encontros como foros de debate cara una sociedade máis igualitaria e xusta


Poio / La Voz

Foi no deseño da campaña do 8M cando xurdiu en Poio a idea de organizar unha serie de cinco faladoiros virtuais como alternativa aos actos presenciais que non se podían desenvolver pola pandemia do coronavirus. Entre as iniciativas postas en marcha pola Concellaría de Igualdade e o CIM, estivo a inauguración dun mural na Seca como homenaxe a todas as mulleres do municipio e como agradecemento ao papel fundamental da muller na sociedade nun ano no que cobraba especial relevancia pola loita contra o covid-19. De este xeito, y tal e como resalta a concelleira Silvia Díaz, «os faladoiros veñen a completar a intervención artística titulada A forza das mulleres, no senso de que cada unha das sesións da voz a diversas mulleres reais do noso municipio que pertencen a cada un dos ámbitos representados no mural».

Así, mentres que no primeiro destes encontros virtuais participaron tres empresarias -Natalia Viña, Mariem Filgueira e Marisé García-, no segundo, previsto para o 21 de abril estará centrado no eido sanitario. «Obviamente gran parte do faladoiro vaise centrar na pandemia e en como as mulleres viviron os inicios da crise sanitaria e como o covid-19 está a afectar as nosas vidas», precisou Silvia Díaz, quen resaltou que a experiencia da primeira sesión de A Forza das Mulleres «foi moi enriquecedora, tanto as participantes como quen puido asistir telematicamente aprendemos moito da diversidade de vivencias e opinións».

Neste senso, a concelleira de Igualdade remarcou que o obxectivo de esta iniciativa é «crear un espazo, polo momento telemático, onde coñecer as experiencias das mulleres nunha realidade que vai progresando cara á igualdade, pero que aínda está en construción. Debater, compartir retos e necesidade, e a visión das mulleres de Poio sobre cuestións que nos afectan no día a día, como as oportunidades laborais, a maternidade, a conciliación, a corresponsabilidade...».

Vocación de continuidade

Neste senso, Díaz deixou claro que estes encontros teñen vocación de continuidade «como foro de debate onde poñer en común perspectivas e propostas para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e máis xusta». A concelleira de Avante Poio sostén que, «indubidablemente, un dos alicerces da construción da igualdade son o énfase na educación e as xeracións máis novas».

Díaz considera crucial traballar para ofrecer modelos e referentes reais, así como darlles a coñecer o traballo e a experiencia vital das mulleres que as precederon.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O eido sanitario protagoniza en Poio os faladoiros A forza das mulleres