Dos bicotortos

POIO

MARTINA MISER

09 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Veño dunha aldea tan de mar que disque foi illa; e eu digo que, se é que non navegou como illa polo océano, foi un cosmos illado e aínda non sei moi ben se xa deixou de selo este San Vicente. Neste universiño pechado que viña sendo un centro do mundo que non paraba de dar voltas ó redor de si, estaban as mulleres. Non me refiro ás mozas, nin ás rapazas ou ás velliñas que atesouraban idioma, receitas, saberes, coplas, cantares. Falo das nais, das matriarcas. Vistas desde estes tempos de hoxe non se cre: casa limpa, fillos aseados e co ferro pasado, roupa lavada á man e tantas veces clareada enriba de herba de san Xoán, saborosísima comida a súa hora, terras cavadas, gando amañado. Como podía ser?. Ademais eran mulleres da ribeira; non do mar, da ribeira, porque non che querían que as ondas as mollaran por riba dos xeonllos e non precisaban embarcarse en dornas nin en gamelas por saberen onde se agachaban longueiróns, ameixas ou berberechos. Baixaban á ribeira coa seca a completala economía familiar para despois cociñarnos, por poñer, arroz caldoso con bicotortos. Bicotortos. Esta palabra, bicotorto, non sae nos dicionarios. Fun a internet e dime que é un paxaro; consultei o Alonso Estravís, non aparece. Pero existe: semella ameixa branca mais é bicotorto e apáñase, disque, a rentes de cons que baña o mar. Manterei para sempre o segredo de onde se poden coller na praia de Piñeirón. Todo cambiou. Agora estas mulleres da ribeira organizáronse, talmente unha marea, por toda Galicia: desde A Garda, pasando por Moaña, Poio, O Grove, Cambados, A Illa de Arousa, Fisterra, Muros, Noia, Ferrol, A Coruña. Transformáronse nas raíñas da ribeira e cultivan as praias con agarimo, como se labourasen na horta. Vístense con neoprenos e grandes botas de auga que as tapan por riba da cintura sen deixar que se lles meta o frío; e xa che son quen para penetrar, afoutadas, entre as ondas máis alá da altura dos xeonllos. E acadan salarios decentes, solidarios entre elas. Conquistaron o temón da ribeira e gobernan o marisqueo a pé con rumbo firme. As mariscadoras conforman un colectivo galego adiantado, moderno, que dou lugar a que sexan estudadas como exemplo sobranceiro do Ecofeminismo: ese movemento universal de liberación e xustiza social que sitúa ás mulleres como revitalizadoras de si mesmas e da Natureza. A tese doutoral de Patricia Martínez García, Empoderamento feminino en contextos de gobernanz (2016), e outros traballos dela desde a Universidade do País Vasco, amplifican estes avances. Agora nesta miña aldea, como en Galicia enteira, que xa non é universiño pechado, vai habendo menos mulleres daquelas como miña nai. Hoxe en día agroman tamén médicas e físicas ou economistas e temos ese movemento, unha gran marea, organizado, que triunfa, fortísimo, logo de darlle volta a todo, que esa é a súa revolución: Chámanse mariscadoras e pode ser que estas mulleres da ribeira de hoxe non saiban que cousa veñen sendo os bicotortos. Ou claro que si, porque coñecéndose, que non van saber elas!.