Luciano Sobral: «Eu faría unha redada cada dous días»

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

POIO

RAMON LEIRO

«Si non son todas [as familias] as que están dalgunha maneira implicadas, hai certa conivencia», advirte o alcalde de Poio

06 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A redada do pasado mércores volveu a por de manifesto a situación enquistada do asentamento do Vao, en Poio, unha realidade á que non é alleo o alcalde Luciano Sobral (BNG): «Existen dous problemas de fondo. A situación social e marxinal do poboado, por un lado, e todo o relativo á delincuencia, por outro».

-¿Soprendeuno a redada?

-Penso que sería bo intensificar a presión policial. Si é certo que estas redadas dan resultado, dende logo as intensificaría. Non faría unha cada dous anos, faría unha cada dous días. Á marxe do tema social que hai que resolver, unha maior presión sobre o poboado daría un mellor resultado para acabar co tema da droga.

-Maica Larriba, subdelegada do Goberno, indicou que a posible urbanización deste entorno é competencia exclusiva municipal.

-Da a impresión de que todos os políticos cando entran na Subdelegación teñen o mesmo discurso, é dicir, cargar nos débiles, neste caso nos concellos a responsabilidade de todo. Os concellos temos a responsabilidade que temos, pero, dende logo, o narcotráfico e a delincuencia non a poden achacar a nós. No caso do tema social, das familias que estean nunha situación de exclusión, posiblemente nos teñamos moito que dicir ou, mellor, que facer, pero o que non imos asumir é a responsabilidade do orde público e a da loita contra a droga.

-O que está claro é que a loita contra o narcotráfico non é competencia da Policía Local.

-Entendo que non, pero parece que os políticos en canto entran nesa casa, na Subdelegación, sempre apuntan aos concellos. Cremos que os que teñen que poñer medios e vixianza para que ese poboado deixe de ser un poboado de delincuencia e venta de drogas e a Garda Civil. Dito isto, temos no Vao un problema social que temos que solucionar entre todos, temos que tender a man a todas as familias que, aparentemente, queren saír dese medio e acceder a unha vida máis normalizada.

-¿Imaxinaba que o problema estivese tan enraizado ata o punto de que boa parte das chabolas adicanse a trapichear?

-A Garda Civil rexistrou catorce chabolas, pero eu diría máis. Si non son todas [as familias] as que están dalgunha maneira implicadas, hai certa conivencia coa situación que se está dando aí. É un mundo moi complicado de perseguir, pero o certo é que uns se tapan a outros. Non sei se son catorce, se quince ou se vinte... pero o problema afecta non so ao poboado, senón a todo o barrio e hai que resolvelo de maneira integral.

-¿A que se refire cando afirma que afecta a todo o barrio?

-É que a cuestión de marxinalidade e de venta de droga nos dous asentamentos está a afectar á imaxe de todo o barrio, pero tamén á visión que se ten do propio Concello de Poio. Cando se fala do Vao, dise que é o supermercado da droga de Pontevedra e a idea que se transmite é que Poio ten un punto negro que afecta a toda a comarca e que está ubicado no Vao, cando no barrio viven moitos veciños que son payos e non teñen esa vinculación coa droga. Este problema ou se resolve dun xeito global, ou non se resolve.