«A depuradora dos Praceres estivo sempre condicionada polo espazo»

Marcos Gago Otero
marcos gago PONTEVEDRA / LA VOZ

POIO

SANDRA ALONSO

Roberto Rodríguez, director de Augas de Galicia, destaca que Medio Ambiente impulsa unha obra na localización actual da EDAR en dúas fases, que garanta os baremos da UE

22 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Praceres é a peza clave para o saneamento da ría. A Xunta explicou aos concellos e ás confrarías cales son os seus plans.

-Por que é necesario actuar na depuradora dos Praceres?

-A EDAR dos Praceres estivo sempre moi condicionada polo reducido espazo no que está implantada, que condicionou moito as distintas tecnoloxías que ao longo do tempo se foron introducindo. Isto fai que a día de hoxe non se estean a cumprir todos os parámetros que esixe a directiva europea sobre o tratamento de augas residuais. Por ese motivo tamén hai un procedemento aberto pola UE. É unha prioridade programar, como se ten feito, todas as actuacións para que a EDAR desta aglomeración urbana -que recibe as augas residuais de Pontevedra, Poio e Marín e unha pequena parte de Vilaboa- estea en condicións de cumprir con todos os parámetros que esixa a normativa europea.

-En que vai consistir a actuación provisional na EDAR?

-A actuación na depuradora dos Praceres vaise realizar en dúas fases. Unha primeira é unha mellora a fondo sobre o que xa existe. É dicir, o que vai a facer é mellorar a calidade do vertido nas instalacións actuais. Sería un importante avance para mellorar a calidade do vertido antes de acometer a segunda fase, que xa é a de ampliación e reforma da EDAR, practicamente unha nova. O que se vai facer nesta primeira fase é aumentar a capacidade do reactor biolóxico existente, aumentar as liñas de decantación e tamén na liña de lama existente. Agora mesmo temos o anteproxecto en fase de supervisión e xa o podemos acometer porque temos os permisos de Costas para o espazo. Xa solicitamos o informe ao Servizo Provincial de Costas para poder acometer esta obra. E a nosa idea é que poida estar en licitación a finais de decembro. Sería un investimento arredor dos 16 millóns de euros e cun prazo de execución de doce meses.

-Cando estaría funcionando?

-Con esta mellora faríase un avance moi importante cara a cumprir coa normativa europea. Recortariamos moita distancia para cumprir cos parámetros da UE. O que contamos é que poida estar rematada a finais do 2019 e entre en funcionamento ao longo da primeira parte do 2020.

-Como vai ser a segunda fase?

-Todas as solucións que poidamos achegar á actual EDAR están condicionadas polo espazo. O que se fixo en canto á segunda fase foi deseñar a EDAR que se necesita, non só para as condicións actuais, senón cun horizonte a 25 anos de toda esa área. Co plan de saneamento local púidose caracterizar o caudal e a carga contaminante e púidose dimensionar cal é a EDAR que se necesita. Xurdiron catro posibles alternativas en dúas localizacións. Tres delas no propio emprazamento actual, pero ampliando a superficie que ocupa a existente, e unha segunda situación na zona de Gandarela. Nese estudo de alternativas o que se fai é que, entre todas estas localizacións, aplícanse uns criterios de valoración ambientais, posta en funcionamento, custos de investimento e explotación. A opción mellor valorada é unha das tres dos Praceres.

-Pode describirnos esta nova depuradora?

-Se falamos da alternativa máis idónea pasariamos da superficie actual de 14.000 metros cadrados, e sería necesario ampliala a 38.000 metros cadrados. Sería unha EDAR cunha tecnoloxía híbrida. Por un lado, de lamas activas, e por outro lado combinaría cunha depuración en leito móbil. Isto permitiría aproveitar unha parte importante do investimento previo, o que se fixo coa mellora das actuais instalacións.

-Cal e o cronograma?

-A obra da nova EDAR non poderá comezar ata acabar a fase da mellora. O que si é certo é que este tempo que dedicariamos a licitar e construír e poñer en funcionamento primeira fase será necesario para poder tramitar administrativamente a segunda. Xestionariamos a ocupación da nova EDAR, concretando xa esta posibilidade sobre o plano. Tamén se necesitará facer unha tramitación ambiental. No ano 2019 tratariamos de sacar adiante a tramitación e redactar o anteproxecto. Así, para cando estea rematada a fase un na primeira parte do ano 2020, poderemos ter xa a licitación do proxecto e a obra da segunda, a nova EDAR.