A praza de Chousa, epicentro dos actos polo Día da Matria

Alfredo López Penide
L. Penide POIO / LA VOZ

POIO

RAMON LEIRO

13 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Como ven sendo tradición, o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, o Concello de Poio conmemora o Día da Matria cunha serie de actividades para todas as idades que este ano terán o seu epicentro na praza de Chousa, en Combarro. Deste xeito, en torno ás sete da tarde, arrancará unha ruada polo casco histórico que confluirá nun obradoiro de globoflexia para os máis cativos.

Posteriormente, comezará o acto institucional que contará con Andrea Jamardo, de Urco Editora e coordinadora da colección As mulleres bravas da nosa historia, e con Eli Ríos, unha das escritoras desta colección cunha publicación sobre María Victoria Moreno. Ao seu termino, procederase ao reparto de bandeiras galegas -este ano esperase alcanzar o centenar-, mentres que a Escola de Gaitas de Poio interpretará o himno galego. A xornada concluirá cun concerto familiar a cargo de A Banda da Balbina.

A concelleira Lidia Salgueiro destacou que esta iniciativa, que é o terceiro ano que se realiza, permite sacar á rúa un acto que ata o de entón era meramente institucional. «Reivindicar o que somos, a importancia de ser galegos, os nosos signos de identidade e reivindicar que temos ese dereito a ser país e a que se nos recoñeza como tal o podemos facer dende un punto de vista institucional, pero tamén lúdico», apuntou.

Lidia Salgueiro remarcou que, se as condicións do tempo non son as adecuadas, buscaríase unha alternativa para todos estes actos. De feito, en caso de choiva, non se descartaría, incluso, a suspensión e aprazamento do concerto.