Unha aposta pola música en galego

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

POIO

Emilio Moldes

Vinte e nove formacións e artistas ofrecerán preto de setenta concertos na provincia

26 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Co polifacético artista Xurxo Souto como mestre de cerimonias, onte presentouse a programación do Musigal, o programa de concertos en galego que impulsa a Deputación de Pontevedra. Finalmente, serán vinte e nove grupos e artistas os que ofrecerán cerca de setenta concertos na práctica totalidade dos concellos das Rías Baixas.

Á hora de presentar o Musigal, optouse por representar un programa de radio onde Xurxo Souto foi dando paso a unha serie de actuacións en directo. Entre outras, estaban programada a presenza de Susana Seivane, De Vacas, Peter Punk ou Roi Casal. Precisamente, este último foi o músico máis solicitado polos concellos e o que, polo tanto, realizará máis concertos, concretamente once. Pola súa parte, Treixadura ten oito datas confirmadas; Milladoiro, media ducia; e Óscar Ibáñez & Tribo, catro.

No caso de Sés, Odaiko e Verbena Galega son tres os escenarios aos que se subirán, mentres que Heredeiros da Crus, Susana Seivane, Xulio Lorenzo, A Roda, Dakidarría, De Vacas, e a Orquesta de Cámara Galega ofrecerán dous concertos. A nómina de artistas cunha única actuación complétase con Uxía, Punkinfantil, Píscore, Os D’Abaixo, Festicultores Troupe, Budiño, Anxo Lorenzo Band, Andrea Pousa, A Gramola Gominola, A Banda da Loba, Guadi Galego, Keltia O Musical e Migallas.

Estas citas musicais repartiranse ao longo do ano nos concellos con menos de cincuenta mil habitantes. Neste eido, dende a Deputación precisaron que, por cuestións orzamentarias, a programación dunha segunda cita musical limitouse a nove concellos moi concretos, xa que organizan Festas de Interese Turístico ou organizan eventos consolidados. Son os casos de Poio, Bueu, Cambados, O Rosal, Agolada, A Guarda, A Estrada, Ponteareas e A Cañiza.

Actuacións cofinanciadas

«O éxito do Musigal responde á demanda de música en galego que viñamos detectando en toda a provincia, tanto por parte dos concellos con problemas orzamentarios para realizar as programacións que desexarían como por parte do público, que demanda música profesional nos seus lugares de residencia», remarcou onte Xosé Leal, deputado de Cultura. Deste xeito, a Administración provincial asume o caché dos artistas ou dos grupos, mentres que o Concello correrá cos posibles gastos que xere a produción de cada concerto.