«Manuel Arís foi xeneroso co proxecto de facer o documental»

O realizador arxentino estrea este mércores o documental sobre este veciño de Poio emigrado a Uruguai


Poio / La voz

«Manuel Arís foi un dos tantos nenos que emigraron deixando a súa terra na procura do pan, a paz e o traballo». Deste modo, Xan Leira (Bos Aires, Arxentina. 1955) presentou onte o seu documental Manuel Arís no cinema da emigración, que se estreará este mércores pola tarde no Casal de Ferreirós.

-¿Como chega Xan Leira a Manuel Arís?

-A Manuel Arís coñecino a través dunha publicación que se fixera no 1992 por mor dos cinco séculos do descubrimento de América onde se deu a coñecer unha investigación que fixo Manuel González en Bos Aires porque Arís era unha das figuras das que se sabía algo que fixera cine na época da emigración. No 2004 comecei a investigación para o que despracei ata Bos Aires e alí foi onde o entrevistei. A partir dese ano mantiven una relación de amizade e profesional porque nos comunicábamos como cineastas que éramos.

-¿Creo que o seu documental contén fotogramas da película «Un viaje por Galicia»?

-Si, foi o propio Manuel quen ma facilitou para que eu a puidese incorporar ao que entón ía ser a película-documental sobre a súa vida e que foi producida polo Concello de Poio.

-¿Que poderán ver os que acudan o estreo do seu documental?

-É un percorrido pola súa vida, pola súa obra, expresada a través de investigadores e tamén expresada a través da súa propia filmografía. Empreguei escenas de Un viaje por Galicia para que Manuel Arís nos vaia comentando o que el atopou na década dos cincuenta en Galicia. É tamén a miña interpretación da vida de Manolo e, a súa vez, a súa interpretación da vida galega de mediados do século XX.

-¿E como foi aquel retorno de Manuel Arís nos anos cincuenta?

-Estivo en Galicia na década dos cincuenta e La Voz de Galicia deulle bastante repercusión a todo o seu traballo que comprendía viaxes organizados cos emigrantes galegos emigrados en Montevideo. Chegaban en barco a Vigo e dende alí ían percorrendo todo o escenario da comunidade. Era en verán e, polo tanto, era unha Galicia moi colorida, con moita festa e todo o seu traballo ten un alto valor patrimonial dende un punto de vista cultural, etnográfico, arquitectónico e da paisaxe.

-¿Foi complicado facer este documental?

-A verdade é que non tiven complicacións. Cando coñecín a Manolo, el foi absolutamente xeneroso comigo e co proxecto de facer esta película. Facilitoume todo o material que tiña dispoñible e a única complicación, e a vez a gran magoa que teño, e non poder facer esta homenaxe en vida de Manuel Arís que, en gran medida, está vinculada a cuestións económicas. En todo caso, grazas ao Concello de Poio puidemos levar a diante esta produción en torno a un dos seus veciños, porque Arís naceu en San Xoán aínda que emigrou con 9 anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Manuel Arís foi xeneroso co proxecto de facer o documental»