«Tambo ten recursos dabondo para ser un referente turístico da ría»

Alfredo López Penide
López Penide POIO / LA VOZ

POIO

emilio moldes

O edil insiste en que Poio está disposto «a asumir a xestión da illa, pero nos gustaría ter a colaboración da Xunta de Galicia»

12 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Trala aprobación no pleno de Poio do indicio dos tramites para desafectar Tambo, Gregorio Agís destacou que é o froito «dunha iniciativa na que levamos anos traballando en colaboración cos grupos da oposición. A idea é acadar a titularidade desta illa e unha xestión razoable da mesma. Estamos moi contentos», precisou o concelleiro de Urbanismo.

-¿Estamos ante unha demanda histórica?

-Si. No primeiro mandato no que eu entrei, no 2007, levábamos xa no programa a recuperación da illa. Mantivemos moitas reunións coa Xunta, con diversos organismos, para ver de integrar Tambo nas Illas Atlánticas, pero foi imposible. Buscamos sempre algunha figura de xestión, algunha fórmula de que outras Administracións se implicaran na recuperación da ínsula, pero foi difícil.

-Descartada a integración no parque nacional, ¿que opcións se abren para o Concello?

-Estamos dispostos a asumir a xestión da illa, pero nos gustaría ter a colaboración doutras Administracións. Cremos que é importante que a Xunta se integre na comisión de seguimento, a Deputación está completamente decidida e apóianos, pero a idea é que todas as Administracións se impliquen como pasou con outras illas. O de Tambo non sería un caso excepcional. Cortegada e Sálvora, sen reunir as mesmas condicións ambientais de Ons ou Cíes, integráronse en Illas Atlánticas. No noso caso, estamos ante unha ínsula que é máis interior e debemos esixir a implicación da Xunta, como xa se fixo con San Simón. Tambo é un recurso que está abandonado e pódese empregar para potenciar o noso concello, o noso entorno dende calquera vertente que un se queira imaxinar.

-Imaxino que xa haberá algún esbozo do que o Concello quere que sexa Tambo nun futuro.

-Hai cuestión de tres anos, encargamos un traballo á Universidade de Vigo onde se fixo unha especie de estudo e análise do que hai e da posible recuperación da illa. Estableceuse unha especie de plan director que determina que actuacións se poderían levar a cabo, que merece recuperar, que tratamento se lle debe dar a ese valor paisaxístico, ambiental e patrimonial. Temos claro que hai que recuperar e por en valor as construcións que alí hai. Hai un lazareto, unha capela... Pero tamén hai un asentamento moi antigo e petróglifos... A illa ten recursos dabondo para ser un referente turístico da ría.

-Un dos aspectos que caracteriza este enclave é o eucaliptal. ¿Sábese que vai ocorrer con el?

-Témolo falado, incluso no seno da propia comisión e coa Deputación, que xa fixo un labor de recuperación no castelo de Soutomaior. Plantexaron unha serie de ideas que, unha vez vaiamos avanzando, iranse estudando para ir recuperando progresivamente a flora autóctona. Agora está invadida de eucalipto e iso tamén é un recurso que dalgunha maneira se pode explotar porque é unha especie que ten un prezo. Ten a dificultade da extracción, pero son moitas hectáreas. Trataríase de ir retirando eucalipto e ir propiciando que as especies autóctonas que alí existían vaian ocupando ese espazo perdido.

-No plano medioambiental, a riqueza de Tambo tamén está nas súas augas.

-Actualmente, ten unha afección de douscentos metros, pero o control non é tan exhaustivo como hai anos. A illa representa un criadeiro para a ría. Moitas especies teñen en Tambo un espazo pouco agresivo para reproducirse. Este papel é importante mantelo e hai que implicar a outros sectores.

-Unha vez aprobada a moción, ¿que pasos se van dar?

-Comunicar aos diferentes organismos dependentes do Estado para que remitan información oficial da situación real da illa e sobre que posibilidades hai de desafectación. En función da información que recibamos, iremos actuando. Xa temos falado con Defensa, coa Escola Naval de Marín e parece que hai visión favorable a que tomemos man de Tambo. A Xunta ven dicir que poderíamos habilitar unha figura como é o ENIL -Espazo Natural de Interese Local-, pero dende o Concello cremos que é unha proposta enganosa. Asumiríamos toda a posibilidade de xestión e a illa precisa de inversión, vixilancia... É para o Concello é complicado e difícil. O que pretendemos é que a Xunta se implique.