«A nosa aspiración é recuperar a maioría absoluta no 2019»

O concelleiro recoñece que o pacto de goberno goza de boa saúde: «Isto é coma unha familia»


Poio / la voz

Tras ser reeleito por terceira vez como responsable do BNG de Poio, Xosé Luís Martínez Blanco, asegurou onte que se atopa «con moitas gañas de traballar dende un tempo para aquí. Non é que as perdera, pero volvo a ter moitísimas gañas».

-¿Como lembra a súa primeira elección?

-Creo que fora dende o Consello Nacional de Amio, que era unha situación dificil para o BNG e foi cando collín as rendas do Bloque en Poio. Foi un momento difícil, pero agora mesmo non so o partido está forte en Poio. Esta forte en todos lados. As renovacións que houbo foron importantes e positivas. Aquí contamos con moi boa saúde porque contamos con novos afiliados, xente moi nova que auguran un bo futuro para o BNG de Poio.

-¿E no partido a nivel xeral?

-O mesmo. O que sabemos é que na comarca de Pontevedra hai moitas afiliacións de xente nova e moitas persoas intégranse en Galiza Nova. O futuro é esperanzador. O BNG pasou un momento duro e difícil, é sabido por todos, pero o importante e que si remamos todos na mesma dirección, a cousa vai para arriba. Igual antes eramos moita máis xente, pero non remábamos todos na mesma dirección.

-¿Que retos ten por diante?

-Hai moitas cousas. O primeiro, apoiar ao goberno local. É importante reafirmarnos en que Poio ten un goberno nacionalista e que temos que seguir. A nosa aspiración cara o 2019 é recuperar a maioría absoluta. É fundamental e calquera partido político ten que ter esa aspiración porque senón o mellor era quedarse na casa. Outro obxectivo, aumentar a militancia en Poio como estamos facendo xa e, de feito, xa temos medio cento de afiliados, pero tamén contamos con outros cincuenta ou sesenta simpatizantes que sempre traballan con nós e que están moi próximos.

-¿Ese apoio ao goberno local tradúcese en algo concreto?

-Si, por exemplo, en esixir que a Xunta cumpra o que ten comprometido, aqueles convenios que tiña asinados como o referido aos portos de Covelo e de Raxó... Pero tamén o polígono de Fragamoreira; a depuración e saneamento da ría, porque non falamos so de Samieira, senón de toda a ría; que acometa un proxecto de seguridade vial de toda a PO-308. Temos cruces moi comprometidos. Pero tamén coa Deputación temos moito no que traballar, por exemplo, nos accesos a Campelo.

-A pesar da aspiración a acadar a maioría absoluta, ¿o pacto de goberno goza de boa saúde?

-Si. Estamos traballando ben, pero é que nos coñecemos ben. Xa levamos moito tempo. Non hai grandes problemas. Sempre hai discusións e roces, pero é que os hai tamén dentro do BNG. Isto é coma unha familia e non sempre estamos de acordo en todo con todos. En xeral, en liñas xerais é positivo para Poio, pero, insisto, a aspiración de calquera organización política é alcanzar a maioría absoluta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«A nosa aspiración é recuperar a maioría absoluta no 2019»