Ímonos de magosto por Pontevedra, Moraña, Vilaboa e Poio

MORAÑA

PACO RODRÍGUEZ

11 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha fin de semana máis, os magostos esténdense por distintas localidades da comarca de Pontevedra e mesmo na cidade do Lérez. Así, neste caso, dende as 20 horas, os colectivos A Pedreira, Burla Verde, Trepia e APDR organizan un magosto popular na praza da Pedreira que terá un carácter reivindicativo baixo o lema de Pola defensa da Terra. Ademais, de castañas haberá música ao vivo co grupo Polavila e unha foliada aberta.

Sen saír de Pontevedra, a asociación de veciños de Eduardo Pondal desenvolverá, dende as 18 horas, o seu tradicional magosto na praza da Curtidoira. «Haberá castañas asadas, chourizos ao viño, música popular, bailes e xogos para os nenos e nenas», confirmaron.

Pola súa parte, en Moraña, a Asociación Cultural Peña Espetados celebra, dende as 18 horas, o Serán-Magosteiro, unha cita musical e gastronómica que reúne a centos de veciños e visitantes na explanada do Multiusos. A cita comezará cun pasarrúas coa Banda do Patio e a Batucada da Escola de Música municipal de Moraña, mentres que dende a 19 horas está programado un obradoiro de baile a cargo de Chema Cebeiro, activista divulgador do patrimonio inmaterial, músico, bailador e coordinador de Proxectos como a Asociación Cultural A Regionalista. A partir das 20 horas arrancará o magosto, no que se ofrecerán ata douscentos quilos de castañas de balde, que se completarán con chourizos, tamén de balde, e bebidas a prezos populares.

Na ruada participarán o Combo Folque da Escola de Música de Moraña, así como Chingulipé, Seixebra e Airiños da Amil, os tres de Moraña; Hai que Roelo, de Cuntis; Joel Padín, de Vilagarcía; e TrioPrata, de Ames. O magosto de Moraña rematará cunha gran foliada aberta a quen desexe participar.

En Poio, a cita é, nesta ocasión, no espazo municipal Tarrío ás 18 horas organizada pola SDC Samieira coa colaboración do concello.

E en Vilaboa, os actos programados para esta xornada arrancarás ás 11 horas coa apertura da carpa habilitada no adro de festas. As doce do mediodía, Barafunda Teatro representará a Abordaxe pirata, mentres que, xa pola tarde, desenvolverase un espectáculo cómico de clown, Globotolo.

Ás 17.30 horas, misa solemne de San Martiño coa participación da Banda da Escola de Música de Vilaboa, mentres que media hora despois empezará o magosto con degustación gratuíta de castañas. E como remate, actuación musica a cargo do Trío Tik-Tak.