O carneiro ao espeto máis resistente do mundo

María Hermida
María Hermida REDACCIÓN / LA VOZ

MORAÑA

Comer ben é o conxuro por antonomasia dos galegos. E cúmprese ata en pandemia, tal e como quedou demostrado hoxe na festa de Moraña. Se estiveches, olla as fotografías do día

25 jul 2021 . Actualizado a las 20:29 h.

A pandemia, esa que o cambia todo, ás veces non logra mudar nada. É certo que hoxe en Moraña non se puido facer a festa do Carneiro ao Espeto como manda a tradición, coa carballeira chea de comensales felices e sorrintes. Iso é así. Pero o covid non foi quen de derrubar o espíritu festivo dos morañeses e hoxe, como non, comeuse carneiro ao espeto en moitas casas. 

¿Como? A festa adaptouse aos tempos de pandemia. Asáronse lotes de carneiro e os veciños foron por eles para levalos aos domicilios. Comeuse carneiro aínda que tivera que viaxar en pota ata as casas, para ser degustado en familia e co debido cumprimento das normas. 

Na zona cero da festa, nesa que antes da pandemia non collía unha agulla, hoxe soamente se asaban os carneiros e comían os membros dalgunha das agrupacións que puxeron música ao día. Ata niso se meteu o covid. Porque esta noite debía actuar en Moraña o grupo Tanxugueiras, pero non poderá facelo por un positivo de coronavirus na agrupación. A música poñeráa GaliFunk Brass.