Cine, música, deporte e tradición para gozar de Marín na recta final do mes de xullo
MARÍN
A programación deportiva tamén terá un papel destacado o sábado co Torneo Praia de Loira e a Carreira +10K Manuel Rosales
23 jul 2026 . Actualizado a las 17:11 h.Marín en xullo é moito máis que as Festas do Carme. E, de feito, a vila continua ofrecendo estes días e ata final de mes unha ampla programación de actividades de lecer, cunha axenda na que teñen cabida dende o cine e a música ata as tradicións populares e o deporte.
Deste xeito, este xoves están programada a segunda das sesións de Cine de Verán no Multiusos da Praza de Abastos a partires das 21.00 horas. Organizada por Marín de Cine, exhibirase o filme de animación Valentina, de Chelo Lourido.
Esta programación continuará mañá tendo a música como protagonista coa actuación do Orfeón Pontis Veteris, que ofrecerá un concerto ás 21.00 horas no Auditorio de Marín, mentres que o sábado 25 de xullo, coincidindo co Día de Galicia, o Concello de Marín vivirá unha xornada especialmente intensa. Así, a Alameda acollerá, entre as 10.30 e as 22.30 horas, a vinte e sete Romaría Popular de Trompos Os Pés, unha cita xa consolidada no calendario festivo local. Ademais, ás 12.00 horas celebrarase o acto institucional do Día de Galicia.
«A programación deportiva tamén terá un papel destacado durante a xornada coa celebración do XXI Torneo Praia de Loira e da Carreira +10K Manuel Rosales, dúas citas que reunirán a numerosos participantes e afeccionados», destacaron dende o goberno local.
Sustentabilidade
E como remate, finalmente, o domingo, a atención desprazase ata o Lago de Castiñeiras, que acollerá a EcoFeira do Lago. Trátase dunha iniciativa que promove a sustentabilidade, o consumo responsable e a posta en valor da contorna natural. Deste xeito, contará con andainas, postos de artesanía e a animación da Batucada Axé Bahía.
Desde o Concello de Marín animouse á veciñanza e ás persoas que visiten o municipio durante estes días a participar nas distintas propostas, que contribúen a dinamizar a vida cultural, social e deportiva da vila durante a época estival.