Miguel Dopazo é o novo director da banda de Merza relevando a Mateo G. Naval que, opina, «fixo un traballo enorme»
03 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.A Banda Artística de Merza anunciaba onte o nomeamento de Miguel Dopazo como novo director tras un exhaustivo proceso de selección. Dopazo, nado en Marín, contaba onte que estaba «moi contento. O proceso durou ata o sábado. Non o esperaba para nada cando me chamaron o domingo. Estou nunha nube tentando tomar terra, chamando a Mateo Gómez Naval, o anterior director, colocándome un pouco co repertorio, actuacións...». Para o novo director «vai ser agora un período moi emocionante, moi ilusionante e de moito traballo». Dopazo é profesor de clarinete no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra e ao mesmo tempo dirixe a banda, os ensambles pequenos e a banda infantil. Unha labor que vai seguir compaxinando co dirección da Artística. Na banda de Marín tocou, di, «toda a miña vida».
Tampouco lle son alleas citas como o Clarinet Fest de Lalín onde, apunta, «estiveron profesores meus como Juan Ferrer, José Luis Estellés...». Para Miguel Dopazo a Artística «é o buque insignia musical galego. Ao final todo o mundo mira para Merza e intenta facer o que fai Merza, pero é moi difícil facer o que fai Merza. É un lugar moi especial».
O novo director comenta que «cando tocan son moi especiais. Eu en cursos de dirección tiven a oportunidade de dirixir distintas formacións, tanto en Galicia como en España, é o son que teñen é único, o xeito de tocar que teñen é moi especial. Xa me din conta dende o primeiro compás».
O proceso para obter a praza requiriu unha serie de requisitos. Dopazo explica que «cada candidato, ademais de todo o proceso de preselección que incluía enviar cartas de motivación, deseños dunha tempada, a túa visión sobre as escolas de música; as túas estratexias a corto, medio e longo prazo..., tiña, si pasabas ese corte, que facer un ensaio coa banda, cunha peza que eles puñan obrigada e unha peza libre que levabas un pouco na túa cabeza». Un primeiro contacto no que estivo marabillado explicando que «son encantadores. Quédame moito aínda e non vou a dicir un frechazo porque non sei o que pensan eles cara a min, pero si que vivín un amor a primeira vista».
Destaca a implicación dos músicos e ese sentimento da banda «como algo representativo do pobo. Son unha marabilla». Dopazo louba o traballo de Mateo Gómez Naval «que fixo un traballo enorme e deixa a banda nun momentazo, co que me suma un plus de responsabilidade».
A idea é seguir ese camiño de Mateo «é fomentar moito aos rapaces pequenos. Vou coller tamén a Banda Infantil e traballar cos máis novos, que collan conciencia do que é a banda de música, da importancia da Artística e que son a base e o futuro da agrupación». Agarda que «cando deixe a banda despois de moitísimos anos, que a xente diga: eu son da xeración de Miguel Dopazo». De momento se manteñen os ensaios dos venres e sábados e se planea un posible concerto de presentación de Dopazo alá por Semana Santa.
Cambios na directiva da agrupación que pasa a presidir Nicolás Conde
Paralelamente na asociación da banda tamén tocaron eleccións e renovouse parte da directiva coa entrada de novos membros. Nicolás Conde Ramos, que toca o bombardino na formación e xa formaba parte da directiva como vocal, asumiu a presidencia relevando no cargo a Pablo Fernández Guzmán. A directiva a completan: Javier Troitiño como vicepresidente; Xerardo Varela como secretario; David Abades como tesoureiro, xunto con Rubén Fuerte, Noa Guzmán, Alejandro Chacón e Cosme Otero como vocais. Estes catro últimos xunto con Xerardo Varela son as novas incorporacións.
Conde Ramos asume a presidencia nesta nova etapa no que a Artística tamén estrea director, «con moita ilusión e ganas de traballar», apuntando que «é unha gran responsabilidade». Nos derradeiros tres fins de semana, a banda probou a tres directores. Ao elixido sumouse Pedro Villarroel de Vigo e Roberto Iglesias de Ourense. Agora que xa decidiron quen levará a batuta a idea é seguir a liña de traballo que marcou o anterior director, Mateo Gómez Naval. De momento estanse a producir, di, os primeiros achegamentos.
Aos seus 23 anos, Nicolás Conde levaba xa cinco formando parte da directiva da asociación. Conta que «entrei na banda grande no 2015, pero levaba xa dende moito antes tocando e na escola». A banda conta cuns 70 integrantes, aos que se unen, sempre que poden para colaborar e como reforzo en concertos ou citas relevantes, músicos de Merza que están fora, algúns deles en grandes orquestras europeas.