Lucía Santos, candidata do BNG de Marín: «Hai que aprobar os plans de protección dos cascos históricos e desenvolver o PXOM»

Marcos Gago Otero
Marcos Gago MARÍN / LA VOZ

MARÍN

Lucía Santos é a candidata do BNG á alcaldía de Marín
Lucía Santos é a candidata do BNG á alcaldía de Marín CAPOTILLO

A dirixente nacionalista considera prioritaria a reordenación do tráfico, repensar as zonas de párking e impulsar a creación de viveiros de empresas

18 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lucía Santos é a candidata do BNG á alcaldía de Marín, un Concello no que xa é a actual portavoz do grupo municipal. Os nacionalistas aspiran a ampliar a súa proxección na corporación, onde neste mandato teñen un único escano.

-Por que presentarse como candidata do BNG en Marín?

-Fun apoiada unanimemente por toda a militancia da miña agrupación, sentinme tremendamente arroupada, motivada e os ánimos de todos os compañeiros son esenciais para dar o paso e tamén porque de verdade creo no proxecto que presentamos para cambiar Marín.

-Cales son os criterios para a formación da lista?

-A verdade é que quixemos conformar unha lista cunha renovación profunda e con xente de diferentes eidos. Especialmente no primeiro tramo levamos xente moi preparada e formada en diferentes aspectos, con moitísima ilusión e un punto de mira de futuro e de cambio e de transformación de Marín que aporta moito ao noso proxecto. Consideramos que é unha candidatura moi completa e na que se pode identificar calquera persoa da rúa.

-Cales son os eixos principais do seu programa electoral?

-O programa que elaboramos xurde do que pasou nestes catro anos e diferenciámolo en seis eixos. Por un lado está a calidade de vida que necesita Marín, porque queremos desenrolar un modelo de concello feito para as persoas con espazos públicos amables e cómodos, con servizos públicos de calidade e con oferta de lecer. Logo queremos construción de nova vivenda e facilitar a rehabilitación dos cascos históricos e para iso hai que poñer en marcha os plans de protección dos cascos vellos que levan 12 anos sen desenrolar. O terceiro é unha aposta clara e decidida pola mocidade. Hai que promover medidas para que teñan un futuro en Marín. Tamén queremos abrir Marín ao mar porque xa é hora de que recuperemos espazos no litoral e iso pasa con negociacións cos ministerios de Defensa e de Transportes. A quinta aposta clarísima é facer de Marín unha aposta pola economía local e creación de emprego. E, por último, a conservación do noso patrimonio.

-A vivenda é un dos grandes problemas de Marín, como pode fomentarse desde o Concello que a bolsa de aluguer e de vivenda nova creza?

-Consideramos que é tremendamente esencial a posta en funcionamento do PXOM. Levamos doce anos cun PXOM aprobado máis paralizado e iso está sendo un dos principais problemas que deriva a perda de poboación destes doce anos en Marín. Non hai rehabilitación nos cascos históricos, hai moita xente que estaría disposta a comprar e alugar, pero iso pasa por unha serie de procesos que se alonga e está frenando a posibilidade de adaptar as vivendas. A xente de Marín se está buscando a vida noutros concellos.

-Como se desenvolve o PXOM?

-Aprobando os plans de protección dos cascos vellos e tamén elaborando o catálogo de hórreos que está afectando aos núcleos do rural. Son pezas esenciais para o PXOM. 

-Outro problema en Marín está sendo o aparcamento. Que propón desde o BNG?

-Consideramos como prioridade facer un estudo dos lugares onde Marín precisa eliminar o tráfico e crear espazos totalmente urbanos. Hai que buscar alternativas, onde se poidan construír aparcamentos soterrados ou ben en alturas. Cremos que o aparcamento en altura pode ser máis económico e factible e sería unha solución importante para o problema de tráfico en Marín, pero sen dúbida hai que eliminar o tráfico nalgunhas zonas do concello. Hai que estudar novas opcións, aínda conscentes de que Marín está moi limitado, si hai opcións.

-Que pensa do párking no Eguren?

-Non o consideramos viable. Hai anos que se estudou esa opción e desboutose porque o custo económico era moito maior que o número de prazas que se ían acadar e ademais, nestas décadas, as cousas foron cambiando e o Eguren é un lugar moi sensible, á porta dun colexio, un instituto e preto dunha residencia de maiores e dun futuro centro de día. Non hai moitos anos que se fixo un importante investimento na posta a punto da zona de xogos do Eguren e aquí o goberno do PP volve a dar unha nova mostra de improvisación. Onde hai poucos anos se invertíu nun parque, agora habería que volver a desfacelo e construir algo novo. Fai falta una programación estable, un proxecto a longo e medio prazo para Marín.

-Outro problema é o emprego e a falta de solo para ubicar empresas. Ven vostedes viable un polígono ou a creación de solo empresarial?

-Prantexamos facer viveiros de empresas. Sabemos que hai espazos en Marín, en diferentes parroquias que se verían dinamizadas, onde se poden construír incubadoras de empresas, onde se poidan ubicar pequenos espazos onde os emprendedores ou empresas que se queiran asentar en Marín o poidan facer. Non apostamos por zonas industriais, mais si empresariais en comerciais.

-Onde?

-Na zona do Campo, a zona de aparcamento fronte ao cemiterio como trasladamos ao goberno municipal cando nos dixeron de facer alí o aparcamento, nós dixemos que podía ser interesante para un viveiro de empresa. Outro lugar que podería servir é a canteira de Pardavila, un espazo que foi comprado por Urbaser pero que hoxe en día está totalmente abandonado e sería moi interesante. Ademais quedarían cerca da variante. 

-Como propón a negociación entre o porto e a vila?

-Nós consideramos que a zona do cemiterio de barcos hai que poñela en valor. Non apoiamos que ese espazo se destrúa porque é o único de identidade mariñeira que nos queda en Marín e apostamos por poñelo en valor e servir como museo ao aire libre para embarcacións tradicionais. E é necesario facer unha vía de comunicación cómoda que cruce desde a Alameda ata o paseo Alcalde Blanco e é necesario a eliminación do tráfico nese punto porque é a única saída ao mar que ten Marín.

-O auditorio?

-Agora non hai marcha atrás e despois de trinta anos de espera por fin empezan as obras. É indignante para a veciñanza que dende que empezaron estamos sufrindo varios sobrecustes cuns problemas que calquera veciño tiña coñecemento de que ía pasar pero xa que se comezou a construción, o que temos claro é que ese auditorio precisa dunha axenda cultural e estable para todo o ano. Ten que ter contido e todo o ano, ademais de poder ser utilizado polas asociacións de Marín.

-Que facer co rural?

-É necesario dotalo de mellor calidade de vida. Non basta con facer asfaltados ou cambios de puntos de luz, que aínda que son importantes, non nos podemos quedar só con iso. Hai que levar ao rural unha programación cultural e dotalo de servizos de transporte e comunicación e tamén de zona wifi. O rural precisa de moitas melloras para ter unha calidade de vida óptima.